O Consello da Cultura Galega fai balance de 40 anos de políticas culturais

Dúas mesas redondas debaterán sobre as súas fases e fitos.
Acto na Biblioteca do Consello da Cultura Galega (CCG)
photo_camera Acto na Biblioteca do Consello da Cultura Galega (CCG)

Tomando como referencia que en 2021 se cumpriron 40 anos do inicio da autonomía, o Consello da Cultura Galega organiza hoxe unha xornada que pretende facer balance de corenta anos de políticas culturais na Galiza.

Na actividade, coordinada por Xavier Campos, Marcos Lorenzo e Dolores Vilavedra, participarán unha ducia de profesionais de diferentes ámbitos que identificarán as temáticas históricas máis relevantes, as fases principais e os fitos máis significativos das políticas culturais autonómicas neste período. 

Mesas redondas

A actividade contará con dúas mesas redondas. A primeira, coordinada polo xornalista David Lombao, tratará de analizar as institucións culturais da Galiza.

Nela participan, Luís Álvarez Pousa, director da revista Tempos Novos e exdirector xeral de Cultura; a xornalista María Xosé Porteiro e o técnico de Cultura do Concello de Ferrol e membro da Comisión, Marcos Lorenzo. 

A segunda das mesas, moderada pola profesora Dolores Vilavedra,  buscará identificar etapas e fitos significativos das políticas autonómicas neste mesmo período. Nela estárán Xavier Campos, asesor da política cultural da Deputación da Coruña e membro da Comisión; Xesús Lage Picos, profesor titular de Socioloxía da Universidade de Vigo; Mercedes Rosón, concelleira de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica, Acción Cultural e Igualdade do Concello da Santiago de Compostela; e Xavier Senín Fernández, exsubdirector xeral de Cultura e tradutor. 

A cultura como protagonista

A descentralización das competencias do Estado español cara as comunidades autónomas e  os municipios foi acompañada por un incremento dos recursos dispoñíbeis nas mans das administracións públicas co obxecto de atender as novas necesidades e dereitos.

Nese contexto, as políticas culturais foron adquirindo un lugar protagonista e as primeiras corporacións municipais democráticas, nas que participaron activistas do asociacionismo cultural, deron un impulso á cultura mediante a dotación de infraestruturas e a contratación de persoal especializado nos concellos.

Pola súa parte, a nacente Xunta da Galiza asumiu o mandato derivado do novo marco legal e comezou a despregar unha serie de medidas. Algunhas delas foron a constitución do Consello da Cultura Galega (1983), o Centro Dramático Galego (1984) e a CRTVG (1985).

Comentarios