Teatro

Baños de Cos gaña o premio Laudamuco de textos teatrais

O autor gaditano concorreu ao certame coa obra A porta. Un relato de violencia, pola que recibirá un premio de 7.000 euros e a edición da peza por parte de Edicións Positivas.

José Luís Baños de Cos.
photo_camera José Luís Baños de Cos.

O escritor José Luís Baños de Cos (Xerez da Fronteira, 1977) é o gañador da sexta edición do Premio Laudamuco para textos teatrais, un certame literario convocado polo Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas. O autor gaditano concorreu ao certame coa obra A porta. Un relato de violencia, pola que recibirá un premio de 7.000 euros e a edición da peza por parte de Edicións Positivas.

Ao certame presentáronse 49 escritos, duplicando a participación das dúas últimas edicións, só superada polos 54 orixinais recibidos na primeira edición. Deste xeito, o Premio Laudamuco leva promovido a escrita de máis de 200 textos teatrais en galego, cumprindo así o obxectivo para o que foi creado inicialmente.

O xurado -composto por Xoana Balado Fernández, Antonio Francisco Simón Álvarez Pérez, Miguel Pernas Cora, Francisco Oti Ríos e Carlos Vizcaíno Fernández, quen actuou como secretario- destaca que "o texto posúe unha poderosa dramaturxia construída a partir do cruzamento entre ficción e realidade, personaxes e intérpretes, metateatro e psicodrama, ben como o feito de a obra construír unha abafante atmosfera bélica como eixo do conflito humano, incluído o propio proceso de creación".

O autor

José Luís Baños de Cos é licenciado en Dereito e en Antropoloxía Social. Natural de Xerez, leva anos residindo en Santiago de Compostela. Cursou estudos sobre teatro social e teatro do oprimido. Autor da obra O faiado, da compañía Ó Cubo Teatro; de A espera, de Titereficcións; e de Suit(e) up, de Fanfarra Teatro.

O autor obtivo varios premios teatrais, entre os que destacan o Premio de Teatro Breve Jenaro Marinhas del Valle (2018) con O círculo; o Premio Abrente do MIT de Ribadavia (2019) con Asfixia; o Premio Roberto Vidal Bolaño (2020) con A cámara escura; o Premio de Textos Teatrais dirixidos a Público Infantil da Escola Navarra de Teatro (2021), con O neno que se agochaba dentro dunha caixa de galletas; o VIII Premio Teatral Varela Buxán (2021) con Segunda morte; e o Premio Barriga Verde para textos de monicreques, na modalidade de adultos (2022) con Nas nubes.

Comentarios