A Banda da Loba inspírase na Rosalía de Castro máis transgresora

A banda da Loba aposta por unha sonoridade diferente á habitual coa colaboración dun cuarteto de ventos.
Detalle da capa do disco "Un pelouro que roda"
photo_camera Detalle da capa do disco "Un pelouro que roda"

A Banda da Loba vén de publicar "Un pelouro que roda", unha canción baseada no poema de Rosalía de Castro do mesmo nome recollido en Follas Novas. A iniciativa xorde da colaboración co Concello da Estrada, que realiza cada ano un videoclip para homenaxear a escritora de Padrón. No audiovisual participa o alumnado de todos os centros de primaria estradenses. 

En Follas Novas, Rosalía de Castro incluíu un texto no que a imaxe dun pelouro que roda representa a súa idea do desexo e o pracer, dando mostra do avanzado do seu pensamento para a época na que viviu. 

"Non foi ata o ano 1965 no que Bob Dylan estreou o seu coñecido tema 'Like a Rolling Stone' (como unha pedra que roda), que ademais deu nome a unha das bandas de rock máis icónicas de todos os tempos", declaran desde a Banda da Loba. 

A banda da Loba aposta por unha sonoridade diferente á habitual coa colaboración dun cuarteto de ventos, formado por Adrián Real, Lara Porto, Cristóbal Fernández e Diego Suárez, que lles axuda a mostrar unha Rosalía transgresora e visionaria. 

Segundo anuncio en decembro, a banda deixará temporalmente os escenarios para mergullarse en exclusiva, durante o ano 2024, no proceso creativo do seu próximo disco. 

"Non desapareceremos do virtual pero si dos palcos, polo que quixemos estar ben arroupadas este día por varios amigos e amigas que nos acompañaron durante esta última xira e durante a vida da banda", publicou o grupo nas súas redes sociais. 

Comentarios