Contracultura

A Banda da Loba: "Queremos crear co público un espazo de transgresión social como foron os lavadoiros"

Inés Mirás, guitarrista de A Banda da Loba, fala do novo disco que o grupo está a presentar este verán. Mirás e as súas compañeiras, Andrea, Estela, Marcela e Xiana, están a levar por toda a Galiza o seu último proxecto, Xabón Lagarta, un traballo persoal e sincero no que as artistas tratan diferentes temáticas de interese social mais tamén as súas propias inquedanzas como grupo musical. Mirás fala da elaboración do disco que, como ela di, busca “rachar coas condutas individualistas que nos queren impor” e apela a volver á tribo.
Inés, Andrea, Estela, Marcela e Xiana son as integrantes do grupo A Banda da Loba. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Inés, Andrea, Estela, Marcela e Xiana son as integrantes do grupo A Banda da Loba. (Foto: Nós Diario)

—Como nace o disco de Xabón Lagarta?
Nace da necesidade de crear un espazo no que poder ser libres e poder expresar as cousas que nos importan. Queriamos expresar as nosas preocupacións máis profundas directamente, sen entreliñas. É certo que seguimos bebendo moito da poesía galega, pero os textos e o material que eliximos para traballar neste proxecto están máis relacionados co que nos afecta directamente e coas inquedanzas que temos como banda.

—Cales son esas inquedanzas?
No disco falamos sobre feminismo, ecoloxismo, diversidade... E sempre implicándonos na defensa do galego. Tamén podemos atopar cuestións relacionadas coa memoria histórica e mesmo algún trazo vencellado á saúde mental. Ademais, temos cancións ligadas ao noso estado persoal, a como nos sentimos nun momento concreto como banda. Falamos da necesidade de rachar coas condutas individualistas que nos queren impor e apelamos de maneira explícita a volver á tribo, á comunidade, a deixarnos levar e a confiar na xente que nos rodea para sentírmonos máis acollidas e seguras, para saber que pertencemos a algo.

—A que fai referencia o nome do disco?
Queriamos facer un xogo de palabras co xabón que coñecemos de toda a vida e coa dobre interpretación coa que contan as palabras segundo o seu xénero. Ademais, o fío condutor deste proxecto son os espazos dos lavadoiros e a propia figura das lavandeiras. Decidimos coller todo ese ecosistema como referencia para o disco. Os lavadoiros eran espazos dun traballo que ninguén quería desenvolver e que quedaban relegados a perfís femininos, mais á vez tamén supoñían un ambiente de confianza, un lugar para a sororidade e a afinidade onde poder cruzar as preocupacións máis internas con outras mulleres. Nós queremos levarlle ao público o noso lavadoiro para que vexa como nos sentimos e como nos expresamos; queremos crear un espazo de transgresión social como foron os lavadoiros.

—Cal dirían que é a peza máis especial do disco?
Cada unha de nós ten os seus gustos musicais, pero coido que a todas nos gusta en especial tocar Fiestras abertas, o tema que dá inicio aos nosos concertos. Penso que tanto a letra como a música sintetizan a esencia do proxecto e o que queremos transmitir con el. Buscamos convidar a xente a que, coas “cordas destensadas”, como di o poema de Luísa Villalta, se deixe levar por este espazo sonoro. E a verdade é que o estamos conseguindo; a acollida do disco non podería ser mellor. Notamos moita euforia entre o público.

—En que situación cren que se atopa a música actual galega?
Penso que estamos nunha nova era musical, nun momento excepcional en canto á produción de música en galego pero que, paradoxalmente, é o momento no que menos recursos institucionais se están destinando. A música galega sempre estivo moi vencellada a certos estilos e o feito de que esteamos experimentando un auxe de xéneros é algo moi positivo, pois a nosa música ten tanta personalidade, tanto carácter e tanta calidade como calquera outra máis mainstream. Con todo, nós sempre tivemos moita sorte.

Desde o momento no que naceu a banda sempre nos vimos moi apoiadas e reforzadas pola xente que tiña os ollos postos en nós. Desde a pandemia non paramos, nunca traballaramos a este ritmo e está a ser toda unha aprendizaxe. De feito, aínda estamos asimilando o feito de tocar a carón de grupos que até o momento só viramos desde o público. Poder intercambiar risos e consellos entre todas, antes e despois dos concertos, é algo incríbel.

Comentarios