O Auditorio da Galiza acolle este sábado a Festa do Apego

Dirixida a cativada de 0 a 6 anos, esta cita xa tradicional no Nadal compostelán, ofrece distintas propostas relacionadas co xogo, a danza e o movemento, a literatura, a música, as artes escénicas e o audiovisual para que as familias poidan compartir un tempo e un espazo de encontro en galego.
Marta Besada e Goretti Sanmartín. (Foto: Nós Diario)
Marta Besada e Goretti Sanmartín. (Foto: Nós Diario)

A alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, acompañada da técnica municipal de Lingua, Marta Besada, presentou esta cuarta feira a Festa do Apego, unha cita "dedicada ás crianzas" que xa é un "clásico do Nadal" e convidou a todas as familias a achegarse este sábado ao Auditorio da Galiza, onde desde as 12 ata ás 20 horas haberá “música, teatro, monicreques, xogos, risas e diversión” para que os máis pequenos e pequenas e as súas familias poidan gozar “nun espazo que queremos que sexa un reforzo interxeracional”.

Entre as múltiples actividades do programa, a rexedora quixo salientar a visita guiada pola exposición de Xaquín Marín, e a actuación da Orquestra de Malabares, unha proposta que xunta o circo coa música da Banda Municipal de Santiago.

Como cada ano, o espazo de entrada do Auditorio acollerá un amplo repertorio de xogos e xoguetes tradicionais, e tamén de organización libre con monitorado da man de Miudinho. Tamén estarán presentes os postos da Mesa pola Normalización Lingüística, Atlantic Ponte, Libraría Couceiro e Brazolinda con libros, música, xogos e outros materiais e servizos relacionados coa crianza e a educación en galego. Na Sala Isaac Díaz Pardo, a partir das 12, poderase asistir á visita guiada pola exposición Humor líquido de Xaquín Marín.

A Festa do Apego tamén contará con propostas para bebés, da man do cuarteto de trompetistas Catro cores e de Baobab Teatro que traerá o espectáculo Palabras. E tampouco faltarán as sesións de contos con María da Pontragha e Cris de Caldas e Xabi do Camiño.

Magín Blanco e Teatro Ghazafelhos xunto á Banda das Apertas en directo, ofrecerán ás 13:15 horas A nena e o grilo camiño das cores. Ademais, Debulla e bulla ofrecerá o obradoiro de baile e música tradicional A fume de carozo.

Como colofón á festa, a sala Ángel Brage acollerá a partir das 19 horas o concerto final a cargo da Orquestra de Malabares, un dos proxectos máis orixinais de circo en Europa .

Comentarios