O circo galego reparte os seus premios en Compostela

Os espectáculos Orquestra de Malabares, da compañía Pistacatro, e Circanelo, da compañía N+1, e a Asociación Circonove, foron os galardoados nesta primeira edición
Os premios outorgáronse nunha gala dirixida por Antón Coucheiro. (Foto: Nós Diario)
Os premios outorgáronse nunha gala dirixida por Antón Coucheiro. (Foto: Nós Diario)

Compostela acolleu esta terza feira, 10 de decembro, a que foi  a primeira Edición dos Premios de Novo Circo Galego Manu Lago que organiza a Asociación de Profesionais de Circo de Galicia (APCG). A cita, que tivo lugar ás 20:30 horas no Teatro Principal de Santiago de Compostela, xuntou ás e ós artistas circenses galegos nun acto que homenaxea ó fundador de Pistacatro e un dos pioneiros do novo circo na Galiza o malabarista e clown Manu Lago. 

Os galardóns, que entrega a profesión, foron para Orquestra de Malabares, da compañía Pistacatro, como Mellor Espectáculo de Sala. Orquestra de Malabares pon en escena a seis malabaristas e a unha Banda Municipal de Música ou unha Orquestra Sinfónica da vila ou cidade onde ten lugar o espectáculo. Un concerto onde os malabares son os bailaríns dun ballet aéreo. 

O galardón ao Mellor Espectáculo de Rúa foi para Circanelo, da compañía N+1. Circanelo é unha obra que combina teatro xestual, danza e acrobacia, acompañados da habitual espontaneidade, sorpresa e tenrura que adoita acompañar os espectáculos de Alfredo Pérez Muíño.

Finalmente, o Premio de Recoñecemento pola Promoción do Novo Circo Galego foi para Asociación Circonove, a veterana asociación compostelá que naceu hai máis de 20 anos, que alberga a primeira Escola de Circo e que formou e deu cabida a numerosas artistas e compañias de Circo galegas. 

A gala, conducida polo dúo composto por Cirkcompacto (Malala Ricoy e Iván Casanova) e dirixida por Antón Coucheiro, foi a excusa para visibilizar o sector do circo galego e para reivindicar o recoñecemento que xa ten gañado e os apoios necesarios por parte da administración para impulsar un sector que traballa na formación, na produción e na innovación.

O evento, que conta co apoio da Deputación da Coruña e de Agadic, contou coa presenza de ambas institucións e tamén coa presenza da Alcaldia do Concello de Santiago, e das asociacións do sector: Escena Galega, Academia do Audiovisual, AAAG (Asociación de Actrices e Actores de Galicia) e Asociación de Xestores Culturais de Galicia.

Desde había anos, existía a necesidade de realizar un evento que promocionase ao sector do Novo Circo Galego de cara ao exterior, e que o conectase co resto do tecido cultural que existe na Galiza. Os Premios Manu Lago, que organiza a APCG veñen a cumprir esta función. Recoñecemento do esforzo das profesionais do Novo Circo Galego, amosar a ampla variedade de espectáculos, artistas e compañías de diversa índole que o conforman e reivindicar a calidade das propostas dun sector cada vez máis consolidado. 

Así mesmo, estes Premios tamén son unha homenaxe a Manu Lago. un malabarista e pallaso galego que dedicou a súa vida e a súa arte a lograr que o Novo Circo fose valorado como se merece no noso país. 

Comentarios