CONTRACULTURA

Magín Blanco: "O mundo escolar ten unha capacidade brutal para formar as crianzas como espectadoras"

Magín Blanco publica o libro-disco Caderno de cores e cancións.
O artista Magín Blanco vén de pór en marcha un novo espectáculo e obradoiro de creación musical. (Foto: Urdime Comunicación)
photo_camera O artista Magín Blanco vén de pór en marcha un novo espectáculo e obradoiro de creación musical. (Foto: Urdime Comunicación)

Magín Blanco publica novo libro-disco baseado no seu último espectáculo, Caderno de cores e cancións, que formará parte da colección Sonárbore de Galaxia. 

Caderno de cores e cancións defínese como un concerto 
e un obradoiro. Como é esta dinámica?

A comezos de 2022, APAMP, unha asociación de familias de persoas con parálise cerebral, sacou unha convocatoria para levar a cabo algún proxecto musical coas persoas usuarias, adultas, á que me apuntei e para a que me acabaron chamando. Fixemos un obradoiro sobre como facer cancións: iamos apuntando algunhas ideas, escribiamos as letras e corrixíamos.

Ademais, coa workstation, un teclado que fai a música, traballabamos para acompañar esas cousas que escribiamos. E así até que a tiñamos completa e lista para cantar. Na seguinte sesión intentabamos facer outra canción nova e cantar as que xa tiñamos escritas. Hai algunha das cancións que fala destas persoas, que as nomea, e despois intentamos buscar a simboloxía de cada cor para crear unha canción a través disto, por exemplo, o amarelo para a alegría, o vermello para a paixón ou o azul para o idealismo. 
Cando deixei o programa quedoume a idea na cabeza e acabei por desenvolver un obradoiro para crianzas sobre o mesmo tema.

Probabelmente haxa tantos modos de facer música como persoas, mais intentabamos transmitir como as facemos nós. Esa é a chave do directo e tamén o que intentamos expresar nos textos do libro: presentamos as letras das cancións e, acompañando, un texto sobre a temática de cada un dos temas que ademais está escrito polo alumnado de primaria do CEIP da Carrasqueira (Coruxo, Vigo). 

Como unha forma de levar esa experiencia dos directos a casa, non?

Claro. O formato libro-CD estivo moi de moda durante un tempo. Con María Fumasa por exemplo chegamos a vender 10.000 exemplares no primeiro que editamos, entre outras cousas porque tamén puñamos un posto cando iamos ao teatro e en cada bolo vendíamos 20 ou 30 libros. Agora como tal xa está superado, o CD xa non existe, o que se fai é descargar as cancións. Aliás, antes tamén eramos catro quen faciamos música para crianzas, agora esa cifra aumentou moitísimo e está todo máis repartido. Tamén hai evolucións, eu comecei no mundo do teatro, que agora é máis complexo porque sen unha axuda de produción é difícil facer unha montaxe, e actualmente estou moi centrado na parte didáctica en colexios. 

De feito, agora gustaríanos ter un portal onde poder expor as cancións que se realizaran en cada colexio, mais é algo un pouco ambicioso e sen axuda da Consellaría de Educación e ademais con dous cativos e sendo monoparental é todo máis complicado. No caso de Mamá cabra foi ao contrario: comezaron na didáctica e tiraron cara ao teatro. 

Unha cousa que si que percibo é que antes tiñamos un público de todas as idades, mais cada vez a rapazada deixa de vir tanto e sobre todo vemos moitas familias con crianzas en idade de educación infantil. Cando estamos no colexio, en primaria, desfrutan moitísimo, participan... mais fóra dese contexto xa non veñen aos espectáculos. Supoño que depende moito da proposta, mais falando en xeral, a gran maioría do público son crianzas. 

Pode ser que haxa un maior esforzo nesas idades para involucralas na cultura?

Eu creo que si, porque é unha maneira de formar as crianzas como espectadoras. Eu véxoo claramente cos meus fillos porque é o que fago, procuro levalos cando hai algo que creo que lles pode gustar para que se vaian acostumando a que a cultura hai que consumila e non só vela desde a televisión.

Ademais, no noso caso particular, non estabelecemos unha diferenza entre o escenario e o patio de butacas, precisamente porque é un obradoiro. Formamos parte do mesmo. Tamén penso que o mundo escolar ten unha capacidade brutal para traballar estas cousas coas crianzas e tamén o vexo cos meus nenos: volven cantando moitísimas cancións, van a espectáculos, o outro día foron ver Pan de millo. Creo que é un esforzo que se ve recompensado porque as crianzas saen encantadas.  

Comentarios