As curtas '11.20 A.M.', 'Raticide', 'One Minute' e 'Papirola' triunfan no FIC de Verín

Durante a súa intervención no acto de clausura, o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, destacou que este foro cinematográfico  “axuda a estender a marca Verín máis alá das nosas fronteiras”.
Acto de clausura do FIC de Verín este domingo (Foto: FIC Verín Vía XIV).
photo_camera Acto de clausura do FIC de Verín este domingo (Foto: FIC Verín Vía XIV).

A VIII edición do Festival Internacional de Cinema (FIC) Vía XIV de Verín botou o pano no auditorio da vila coa celebración dunha gala de clausura que estivo conducida polo actor galego Manuel Cortés.

No decurso do acto, déronse a coñecer os nomes dos títulos das curtas gañadoras dentro de cada unha das categorías oficiais do certame, outorgadas por un xurado do que formaron parte Nora Sola, Toni Salgado e Nicolás Afonso, así como o premio do público.

No marco da categoría oficial ‘Horizontes’ o traballo premiado foi 11.20. A.M. de Dimitris Nakos (Grecia); a mellor curta de ‘A Raia’ foi Raticide, un traballo de João Niza (Portugal); o premio á mellor peza exhibida na categoría ‘Nova’ foi para One Minute, de Matilde Sköld e Markus Svanberg (Suecia) e como mellor curta dentro da categoría Infantil, de nova creación este ano, foi elixido o título Papirola, un traballo de Fabián Molinaro. O premio especial do público recaeu no título El Bus, de Sandra Reina. Por outra parte, o filme Ice Merchants, de João González (Portugal), recibiu unha mención especial do xurado dentro da categoría ‘A Raia’.

Durante a gala de clausura tamén se entregaron dous premios correspondentes a dúas das actividades paralelas decorridas ao longo destes días ao abeiro do certame. O traballo gañador do concurso de pintura, posto en marcha este ano por vez primeira pola organización do FIC Vía XIV para que aqueles artistas gráficos maiores de 16 anos plasmasen sobre lenzo unha escena ben recoñecida da historia da cinematografía foi Daniela Domínguez coa súa obra Undine, de Christian Petzold.

Doutra parte, o estabelecemento que gañou o concurso de escaparatismo promovido conxuntamente entre a Asociación Cultural Vía XIV e AEVER foi Noisiness Verín. Tratouse dunha iniciativa que convidou aos diferentes estabelecementos comerciais da vila a engalanar as súas vitrinas con motivos relacionados coa sétima arte.

"Canteira local"

Durante a súa intervención no acto de clausura, o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, destacou que este foro cinematográfico  “axuda a estender a marca Verín máis alá das nosas fronteiras” e que “a súa repercusión nos medios é importantísima como “factor intanxíbel para a atracción turística”.

Tamén puxo en valor que, ao seu xuízo, un dos factores diferenciais do FIC Vía XIV é que está feito “case integramente” por profesionais que proceden ou habitan directamente en Verín, axudando a impulsar a “canteira local” arredor do audiovisual.

Finalmente, O director do certame, Carlos Montero, vertebrou a súa intervención durante o acto de clausura e entrega de premios no papel do FIC Vía XIV, en particular, e do cinema, en xeral, como foro catalizador para o pensamento crítico. “Este ano, máis que nunca, quixemos que o FIC se erguera como un faro de pensamento crítico. Por este motivo, incluímos tanto na programación oficial presentada a concurso como nas actividades paralelas, diversas temáticas de índole social. Puxemos o foco, especialmente, en asuntos que nos convidan a pensar sobre cuestións tan diversas e de calado social como a sostibilidade ambiental, a realidade das persoas refuxiadas ou o papel transformador que a Intelixencia Artificial pode ter na cultura”, considerou.

Comentarios