Cinema

O filme galego 'O Corno' de Jaione Camborda aspira á Cuncha de Ouro do festival de Donostia

A película, un drama rural ambientado na Galiza dos anos 70, está protagonizada pola bailarina Janet Novás (Premio 'El Ojo Crítico' de Danza 2021 de RNE), no que é o seu debut no cinema, e conta no seu reparto  con Carla Rivas, Nuria Lestegás, María Lado, Siobhan Fernandes e Diego Anido, entre outros.
Camborda e Novás durante a rodaxe de 'O Corno' (Foto: Esnatu).
photo_camera Camborda e Novás durante a rodaxe de 'O Corno' (Foto: Esnatu).

O Corno, a segunda longametraxe da directora e guionista Jaione Camborda, terá a súa estrea europea na Sección Oficial da 71ª edición do Festival Internacional de Cine de Donostia, antes da súa distribución en cinemas o 11 de outubro, da man de Elastica Films.

O filme fai historia ao ser a primeira longametraxe en galego que compite na Sección Oficial deste festival, o primeiro de produción galega e tamén a primeira obra dunha cineasta galega ou afincada na Galiza, como é Jaione Camborda (donostiarra que leva máis dunha década asentada en Compostela), que aspira á Cuncha de Ouro.

A película, un drama rural ambientado na Galiza dos anos 70, está protagonizada pola bailarina Janet Novás (Premio 'El Ojo Crítico' de Danza 2021 de RNE), no que é o seu debut no cinema, e conta no seu reparto  con Carla Rivas, Nuria Lestegás, María Lado, Siobhan Fernandes e Diego Anido, entre outros.

O Corno está rodada en galego e en portugués en varias localizacións das comarcas de Arousa e Baixo Miño (Galiza) e Alto Minho (Portugal) e narra a historia de María, unha mariscadora e tamén parteira que, tras un terrible suceso, vese obrigada a fuxir a través dunha ruta de contrabandistas.

Sinopse

Illa de Arousa, 1971. María é unha muller que gaña a vida mariscando. Tamén é coñecida na illa por axudar outras mulleres nos seus partos con especial dedicación e coidado.

Tras un inesperado suceso, vese obrigada a fuxir e comeza unha perigosa travesía que a fará loitar pola súa supervivencia. Buscando a súa liberdade, María decide cruzar a fronteira por unha das rutas de contrabando entre Galiza e Portugal.

Jaione Camborda

Cineasta donostiarra afincada na Galiza, cursa os seus estudos na Escola de Cinema de Praga (FAMU) e na Escola de Cinema de Múnich (HFF). É na Galiza onde desenvolve un recoñecido traballo como directora e guionista. A súa primeira longametraxe, Arima (2019), obtivo o premio á mellor dirección na sección ‘Nuevas Olas’ do Festival de Cine Europeo de Sevilla, e á mellor película na sección ‘Escáner’ do festival Márgenes, ademais de pasar polo Festival de Donostia.

Previamente destaca o seu traballo dirixindo pezas curtas rodadas con material fílmico, como Proba de axilidade, Nimbos, Lilit ou Rapa das Bestas, todas elas coa súa produtora Esnatu Zinema, fundada en Santiago de Compostela. Participou ademais como guionista das longametraxes Os fenómenos e Ons, dirixidas por Alfonso Zarauza, e ten traballado como directora de arte en varias películas doutros cineastas.

Tamén foi seleccionada para participar en diferentes laboratorios e residencias como o TIFF Filmmaker Lab do Festival Internacional de Cinema de Toronto, no programa de desenvolvemento La Incubadora – The Screen da ECAM, no programa Ikusmira Berriak do Festival de Donostia, ademais de ser recentemente beneficiaria da bolsa TIFF Canada Goose.

 

Comentarios