Últimos días para ver 'Conexións surrealistas' ou 'Memoria do Ceo'

Últimos días para ver algunhas das exposicións de 2023.
Instalación 'Flor e acanto', e Almudena Fernández Fariña, no recibidor do CGAC (Foto: Manu Suárez).
photo_camera Instalación 'Flor e acanto', de Almudena Fernández Fariña, no recibidor do CGAC (Foto: Manu Suárez).

Cambia o ano e cambian as programacións dos principais centros de arte do país. Non obstante, pensando naqueles que o deixan todo para última hora, aínda hai tempo de poñerse ao día e non deixar pasar nada do que se programou nos últimos meses de 2023. 

Na Pinacoteca de Vigo, por exemplo, aínda se pode ver, até este domingo 7 de xaneiro, a exposición Francisco Fernández del Riego. Nos vieiros da arte galega, unha mostra que revela o labor e divulgación e de apoio á proxección dos artistas galegos realizado polo protagonista do Día das Letras Galegas 2023.  Comisariada por Beatriz Liz de Cea, a mostra permite seguir a relación de Del Riego coa arte a través da obra de artistas cos cales tivo relación: Castelao, Colmeiro, Arturo Souto, Seoane ou Laxeiro, entre moitos outros. 

Tamén Vigo, na Casa das Artes, fechará o seguinte domingo, 14 de xaneiro, Conexións surrealistas. Colmeiro, Granell e o surrealismo non exilio. Comisariado por Carlos Bernárdez, este proxecto  pretende unha lectura do impacto do movemento surrealista na obra do pintor Manuel Colmeiro nas décadas dos trinta e corenta e mostrar os puntos de conexión coa obra de Euxenio Granell, pintor da mesma xeración e figura de referencia do surrealismo desde os anos corenta, ambos con traxectorias vitais marcadas polo exilio e pola súa presenza en América Latina. 

No Centro de Arte Contemporánea de Galiza, en Compostela, remata, o día 7, Traballo en equipo, 30 anos do CGAC, unha revisión da historia do centro , comisariada polo seu director, Santiago Olmo, que evoca os fitos destas tres décadas que contribuíron a cambiar o contexto artístico da Galiza. 

E o día 14 é o límite para ver Implosión: arte conceptual na Colección CGAC (1965-1975), -unha mostra que recupera o traballo dunha serie de artistas para reconsiderar a forma en que o seu traballo contribuíu a modificar as relacións entre institucións, arte e artistas, e mesmo a transformar a propia idea de arte- así como as intervencións site specific instaladas en diferentes puntos do edificio de Almudena Fernández Fariña e Ernesto Neto. 

O 21 de xaneiro chega ao seu fin, na Fundación Luis Seoane da Coruña, Memorias do ceo, unha mostra que se enmarca dentro do festival Ffoco, e que engloba o último traballo de Tono Mejuto, partindo da recuperación dun arquivo de fotografías aéreas tomadas ao longo do territorio galego nos anos 80. 

E tamén o 21 de xaneiro remata, no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, Lugar sen medida, un proxecto do artista Correa Corredoira inspirado pola súa estadía de catro meses en Namibia. Son máis de cen pezas producidas sobre papel, teas, madeiras e incluso sobre lamas de tabaco que transportan ao visitante a un lugar diferente coa presenza dos animais típicos da rexión, con homes e mulleres marcados por un entorno hostil (Namibia ten gran parte do seu territorio no deserto) e tamén coas súas paisaxes de costa e o seu mar. 

E para completar o percorrido, tamén o día 21 fecha na Pinacoteca de Vigo Pinceladas do esquecemento, unha sorprendente mostra que rescata a figura e a obra de Elina Molíns e de Blanca Chao, dúas pintoras viguesas de finais do século XX cuxa produción artística, de alto nivel, quedara afastada do recoñecemento público. A descuberta do historiador Jose Luís Mateo esténdese ademais ao achado de máis de 40 cadros de dúas autoras das que non se coñecían orixinais. 

Comentarios