O Arquivo de Arquitectura de Galiza nacerá na Cidade da Cultura

Este 2023 celébrase o 50ª aniversario da entidade.
Luciano Alfaya. (Foto: Nós Dairio)
photo_camera Luciano Alfaya. (Foto: Nós Dairio)

O Colexio Oficial de Arquitectos de Galiza (COAG) asinou esta tarde un protocolo de colaboración coa Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades polo que se acorda a creación do Arquivo de Arquitectura de Galiza, cuxa sede será o edificio do Arquivo e Biblioteca de Galiza na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela.

O obxecto do convenio, rubricado polo decano do COAG -Luciano Alfaya- e o conselleiro de Cultura -Román Rodríguez-, é impulsar o recoñecemento do valor cultural da arquitectura como unha manifestación sobranceira da identidade galega.

Segundo indicaron os seus promotores, boa parte destes valores culturais están conservados nos legados dos profesionais da arquitectura galega que custodian proxectos, textos, imaxes, maquetas, documentos de traballo ou materiais gráficos e audiovisuais. A devandita Consellería incluirá, ademais, unha selección destes materiais no plan anual de dixitalización de fondos documentais.

“Este acordo só é posible grazas á contribución de cada un dos máis de cinco mil arquitectos e arquitectas que formaron parte do noso Colexio ao longo destes, primeiros, cincuenta anos de historia, e que vai servir para garantir a conservación dun legado esencial na historia da Galiza. Agora que as sociedades mudan a unha velocidade como non coñeceramos antes, contar cunha ferramenta de preservación eficaz do noso pasado é indispensábel. Logo de tantos anos loitando case en solitario por preservar o legado dos nosos arquitectos e as nosas arquitectas, por visibilizar a importancia da construción do noso territorio, por defender a arquitectura como un feito identitario de primeiro nivel, imos ter a oportunidade de colaborar xuntos na dixitalización e protección de fondos documentais de arquitectura na Galiza, estabelecendo con ese fin unha sección propia na Cidade da Cultura. Deste xeito, será posible preservar a produción creativa dunha xeración excepcional de arquitectos, pero ter tamén unha biblioteca de arquitectura de carácter público, aberta a toda a sociedade”, segundo afirmou Alfaya.

O acto tamén serviu para iniciar a celebración do quincuaxésimo aniversario do Colexio de Arquitectos, que en 1973 se segregaba do anterior Colegio de León, Asturias y Galicia. Varios decanos anteriores da institución recibiron un diploma conmemorativo, sendo José Manuel Rey Pichel, decano da entidade entre 1989 e 2003, o que interveu en representación de todos os distinguidos.

Comentarios