Pascuala Campos de Michelena, distinguida co Premio COAG a toda unha traxectoria

Cunha vida e carreira ligadas a cidade de Pontevedra,  tivo unha percorrido arquitectónico tinguido dun profundo coñecemento da terra galega e da cultura construtiva local, creando unha arquitectura emocional.

Pascuala Campos de Michelena.
photo_camera Pascuala Campos de Michelena.

A Xunta de Goberno do Colexio de Arquitectos de Galizavén de outorgar o Premio Traxectoria Profesional da XX edición dos Premios COAG de Arquitectura á arquitecta Pascuala Campos de Michelena (Sabiote, Jaén, 1938). O acto público de entrega de premios celebrarase o 18 de marzo na Fábrica de Cerámica de Sargadelos en Cervo, na provincia de Lugo (Paraño, s/n. Cervo). O evento conta coa colaboración de diversas empresas e entidades: Abanca, Grupo Aluman, Exlabesa, Finsa, Fundación Arquia, Fundación Laboral de la Construcción de Galicia, Ramírez Construcciones, Rodiñas, Saint-Gobain, Sargadelos, EspacioHabit e Tejas Verea. 

A xienense Pascuala Campos de Michelena viviu e estudou en Madrid,  aínda que obtivo o título de Arquitecta en Barcelona, onde acabou doutorándose en 1968. En 1995 converteuse na primeira catedrática de proxectos arquitectónicos da Universidade da Coruña e é a primeira muller que obtén este título no conxunto das universidades do Estado. 

Ligada a Pontevedra 

A súa vida e carreira como arquitecta están ligadas á cidade de Pontevedra. Na década de 1950 a arquitectura na Galiza está representada polos arquitectos Xosé Bar Bóo e Andrés Fernández-Albalat, pero a partir de 1965 aparece unha nova ola de mozos arquitectos con novas ideas: Manuel Gallego, Javier Suances, Rafael Baltar Tojo, José Antonio Bartolomé Argüelles e o equipo formado por César Portela e Pascuala Campos. “Trátase dunha xeración que conforma o identificado como rexionalismo crítico, entendido como unha actitude fronte á memoria colectiva e un xeito de entender o lugar, o que implica unha renovación da linguaxe arquitectónica baseada nun profundo coñecemento da cultura construtiva local” –destaca o COAG. 

A mediados dos anos 80, Pascuala converteuse en profesora do departamento de Proxectos Arquitectónicos da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSAC-UDC), coordinado por Carlos Meijide. Propuxo un curso para esta disciplina, concibido como unha unidade na que se profunda na arquitectura como a arte de recrear o lugar. En 1995 obtivo a súa cátedra cun traballo titulado “Espazo e Xénero”. Deste xeito pasou a converterse na primeira catedrática de Proxectos Arquitectónicos das Escolas de Arquitectura do Estado. 

Considérase un referente na incorporación da perspectiva de xénero na arquitectura e na docencia logrando inspirar a outras mulleres arquitectas. 

Comentarios