CONTRACULTURA

Luciano Alfaya: "Os arquitectos non podemos ser endogámicos, hai que falar a linguaxe da sociedade"

Luciano Alfaya é o novo decano do Colexio de Arquitectos da Galiza
Luciano Alfaya será decano até 2027. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Luciano Alfaya será decano até 2027. (Foto: Nós Diario)

Luciano Alfaya vén de ser nomeado como novo decano do Colexio de Arquitectos da Galiza, cargo en que estará até as próximas eleccións da institución, que decorrerán en maio de 2027. Alfaya aborda, nesta conversa, os retos actuais para o Colexio así como para a profesión en xeral.

Por que decidiu presentar a súa candidatura?

Levo moitos anos desenvolvendo un labor divulgativo e mantendo un compromiso firme coas actividades colectivas ligadas á arquitectura e ao urbanismo. O Colexio de Arquitectos da Galiza ten a voz do noso colectivo desde hai 50 anos, polo que a intención era facer unha pequena contribución a este labor que se fai desde aquí pola divulgación e a defensa do colectivo. Ao longo da miña vida, xa desenvolvín diferentes roles e esta foi unha decisión que tomei porque entendía que había que dar un paso adiante.

Aínda que acaba de aterrar, cal é o plan para os vindeiros catro anos?

O que propoñemos desde a nova Xunta de Goberno é a necesidade de refacer o plan. Queremos pór enriba da mesa un proceso participativo que teña en conta todas as colexiadas e colexiados, así como aquelas persoas que se deron de baixa nos últimos anos. Case a metade das persoas que nalgún momento estiveron colexiadas hoxe están dadas de baixa. Queremos escoitar todas estas persoas e trazar un plan conxuntamente. Considero que, durante moitos anos, o Colexio perdeu parte da súa forza social, deixando de ser un axente chave nalgúns asuntos de gran transcendencia para o colectivo. Por iso, dalgunha maneira, colexiadas e colexiados pensamos que puido dar a sensación de que non se estaba a defender suficientemente os intereses do colectivo. Como digo, este é un proceso aínda en elaboración e queremos contar con toda a información posíbel antes de facer elucubracións, mais podemos imaxinar que esta desafección vén motivada por algún destes aspectos.

Cales son os retos que presenta actualmente a profesión?

O principal é seguir explicando á sociedade cal é a contribución que facemos a diario arquitectas e arquitectos na mellora da vida de toda a cidadanía, ben na participación na obra pública como na privada ou ben na construción ou no urbanismo. Resulta esencial para que os resultados alcanzados sexan os mellores. Con frecuencia ponse en dúbida esta contribución e penso que o reto que temos por diante é precisamente facer visíbel a importancia da mesma. Obviamente tamén engadiría que é preciso ter a máxima colaboración coas administración, por exemplo na tramitación das licenzas ou na elaboración de leis que nos poidan afectar. Neste sentido, o Colexio ten que estar a total disposición da administración pública. Tamén é esencial que arquitectas e arquitectos esteamos presentes na organización e planificación do territorio. Considero que temos un papel nos debates arredor da construción, sen dúbida especialmente relevantes no que atinxe a cuestións como a rehabilitación ou o futuro da vivenda. Con todo, non podemos limitarnos a estas cuestións, tamén debemos estar presentes nos outros debates porque serán chaves para o futuro do país. 

Con que ferramentas contan para transmitir todo isto á sociedade?

O Colexio sempre tivo unha actividade divulgativa moi forte, desde a edición de publicacións até a elaboración de exposicións. Estas canles propias de divulgación foron un axente chave na cultura do noso país e como tal debe ser a primeira ferramenta que empreguemos. Tampouco podemos ser un colectivo endogámico, temos que falar unha linguaxe que chegue a toda a poboación. É imprescindíbel que sexamos máis próximos. A terceira vía para transmitilo, sen dúbida, é o noso traballo do día a día, o exemplo que podemos dar mostrando a contribución que supón a intervención da arquitectura na sociedade. A través das nosas actuacións e do noso traballo diario é como deixamos o noso legado nas cidades e territorios, polo que debemos facer fincapé no bo que facemos, que é moitísimo, e non pór tanto a mirada neses escasos erros que tamén levan a firma de arquitectos e arquitectas.  

Comentarios