A arquitectura industrial galega, protagonista do 'Sermos Galiza' desta fin de semana

Neste novo número do semanario analízase tamén a presenza de Castelao na China.
Detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana (Foto: Nós Diario).
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana (Foto: Nós Diario).

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante a fin de semana. Desta vez a protagonista é a reportaxe de Elvira Branco que trata o abandono e valorización da arquitectura industrial galega.

Branco salienta no texto que “aínda que moitas veces é obviado, o patrimonio industrial forma arte do campo de estudo da historia da arte e da arquitectura. A conservación e protección das edificacións de carácter industrial como patrimonio comezou en Gran Bretaña nos anos sesenta e estendeuse rapidamente a outros Estados”.

Ofelia Rey

Continúa este número do Sermos, cunha entrevista a cargo de Montse González á catedrática de Historia Moderna da USC Ofelia Rey que vén de gañar o Premio Nacional de Historia do Ministerio de Cultura.

“As mulleres vivían nunha situación de desigualdade e inferioridade de condicións, pero non estaban indefensas. Non eran vítimas sen posibilidade de axencia. Son algunhas das conclusións de El vuelo corto (USC), o ensaio escrito por Ofelia Rey”, indícase na entrevista.

Previamente, na páxina de apertura, o escritor Lois Diéguez, ofrece unha reflexión titulada O cántico cósmico.

Castelao na China?

A segunda reportaxe do semanario foi elaborada por Claudio Rodríguez e titúlase Castealo editado e reeditado en China.

Rodríguez explica que “En vida de Castelao, os seus álbums de guerra foron máis veces editados en China que en ningún outro estado do mundo. Tras este recoñecemento está un dos máis importantes escritores da China contemporánea, o revolucionario Ba Jin, que non cesou de promover tal reedición ao longo de practicamente todo o século XX”.

Literatura, música, cinema...

Neste número do Sermos Galiza, o Tensi Xesteira e Susana Sanches analizan na sección de libros dúas obras.

No caso de Xesteira, analiza a obra A parte fácil de Ismael Ramos, un autor que segundo Xesteira, “é un experto na análise humana, no desafiuzamento dos sentimentos máis miúdos”.  

No caso de Sanches, analiza Así fala Penélope, unha obra da autoría de Marta Dacosta. “A organização dos textos não é cronológica mas temática, o que para nós é o melhor da obra”, salienta Sanches.

No apartado musical, Belém Tajes analiza o disco SIM SIM SIM de Bala desejo. Pola súa parte, César Morán trata no seu artigo o Canet Rock do ano 1975.

O experto en cinema Andrés Castro debulla o filme O fillo, unha obra de Florian Zeller cuxa historia, segundo Castro “céntrase nun pai divorciado que acaba de ter un novo fillo coa súa nova muller, 20 anos máis nova”.

O Colectivo Xea escribe na sección Andar e Ver sobre as Praias de inverno. “As praias son elementos da paisaxe en cambio constante, sometidos diariamente ás variacións que lles provoca a subida e a baixada do nivel do mar”, indican desde o Colectivo Xea.

Pola súa parte, Manuel Xestoso analiza Unha inimiga do pobo, na sección de Escena. “A montaxe de Talía deste tan necesario clásico é excelente en dirección, en interpretación e en intención”, manifesta Xestoso.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios