Lugo

Arrinca o primeiro Arde Lucus como Festa de Interese Turístico Internacional: este é o programa completo

A popular festa dá comezo esta quinta feira a unha histórica edición da popular festa luguesa coa entrada na cidade, ás 21 horas, das lexións romanas baixo o mando do xeneral Caio Antistio 'O Vello' e a toma da cidade na ponte romana.
Un espectáculo do Circo Romano do pasado ano. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Un espectáculo do Circo Romano do pasado ano. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

A ocupación hostaleira na cidade de Lugo rolda o 100% nunha semana marcada pola celebración da XXII edición do Arde Lucus, a primeira após obter a distinción de Festa de Interese Turístico Internacional. O dato de ocupación celebrouno esta quinta feira o presidente da Asociación Provincial de Hostalaría, Cheché Real, que estima unha gran presenza de turistas e visitantes entre esta quinta feira, día 22, e o domingo, 25, especialmente o sábado 24. Hai dez días, o sector xa anunciara que as reservas ficaban "entre 70% e 89%" debido á inestabilidade meteorolóxica, mais esperan que estes días se disparen as temperaturas en Lugo pola chegada dun anticiclón. O sábado alcanzaranse, segundo as previsións, os 34ºC por mor da primeira vaga de calor do ano.

A popular festa de recreación histórica do pasado romano e castrexo da cidade arrinca oficialmente esta quinta feira, ás 21 horas, coa entrada das lexións romanas baixo o mando do xeneral Caio Antistio 'O Vello' e a toma da cidade na ponte romana. Contra as 22.30 horas continuarán os eventos de inauguración co acendido do lume sacro de Vesta na praza Maior. As festas prolongaranse até o domingo pola noite, co gran concerto de Fillas de Cassandra despois da firma da paz entre romanos e tribos galaicas.

A edición deste ano é a primeira coa categoría de Festa de Interese Turístico Internacional. En 2017, o Arde Lucus xa se convertera en Festa de Interese Turístico Nacional, mais o ano pasado deu un paso máis cara ao recoñecemento internacional da man do Concello de Lugo que chegou en marzo.

No programa para estes catro días inclúense máis de 400 actividades. Mantéñense as máis populares das últimas edicións, como os desfiles polas rúas do centro histórico, as loitas de gladiadores romanos na praza de Santa María ou os bautizos e vodas celtas na Porta Miñá, pero tamén se incorporan outras novas. Así pois, esta sexta feira, día 23, coincidindo coa popular celebración do San Xoán, haberá unha gran fogueira para festexar unha noite máxica.

Desde o 23 e até o 25, tamén se abrirá ao público un espazo na praza de Abastos que recrea a gastronomía da antiga Roma a través da cociña en directo de oito chefs da cidade e posterior degustación dos pratos. Esta actividade, presentada como Ars Cvlinarivm, é outra das novidades deste ano e conta coa colaboración da Asociación Cociñeiros Lugo.

O Circo Romano, organizado na chaira do pavillón municipal ás 18.30 horas do sábado, é un dos poucos espectáculos de recreación histórica programados que require de entrada previa. Dentro da oferta cultural destes días, é quizais a actividade máis atractiva para o público visitante. As entradas xa están esgotadas desde hai días, malia que existe a posibilidade de presenciar o espectáculo desde as costas do parque.

A programación de actividades socioculturais esténdese polos campamentos das asociacións de recreación histórica. No parque de Rosalía de Castro sitúase un ano máis a Castra de Lucus Augusti, un poboado que abrirá as súas portas esta sexta feira, ás 17 horas, e que ofrece a posibilidade de coñecer como era a vida castrexa en tempos da ocupación romana.

Como en anteriores edicións, a música tamén está moi presente na programación con dous grandes concertos durante a fin de semana na praza de Santa María. Céltica-Pipes Rock tocará o sábado a medianoite, mentres que o dúo vigués Fillas de Cassandra porá o broche de ouro ao Arde Lucus o domingo, cunha actuación que arrincará ás 21.30 horas.

A Asociación Provincial de Hostalaría comunicará os datos reais de ocupación hostaleira unha vez finalizadas as festas, aínda que se esperan grandes cifras que convertan esta semana na máis rendible do ano para o sector.