Lugo

Medio cento de actividades para celebrar o primeiro Arde Lucus Cultural como Festa de Interese Internacional

Entre as novidades, recuperase o obradoiro de creación dun 'flabellum' e outros talleres, conferencias, microteatros e actividades excusivas para o estudantado e asociacións da cidade.
Recreación dunha batalla no Arde Lucus 2022. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Recreación dunha batalla no Arde Lucus 2022. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

O Arde Lucus Cultural arrinca esta segunda feira con máis de 50 actividades de inspiración romana e 'castrexa', deseñadas polo Concello de Lugo coa colaboración das 19 asociacións de recreación histórica da cidade, uns eventos que servirán como antesala á celebración desta festividade declarada de Interese Turístico Internacional.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, avanzaba esta sexta feira que se trata dunha programación gratuíta, "moi completa e pensada para todos os públicos", ao que engadía que traballan en "alimentar a recentemente declarada Festa de Interese Turístico Internacional con actividades desde marzo até xuño". Méndez agradeceu a "implicación" das asociacións e convidou toda a cidadanía a gozar deste Arde Lucus Cultural.

Entre as novidades, a rexedora quixo destacar a recuperación do taller de creación dun flabellum contra a calor que realizará a asociación Kertix e tamén que se organizarán nestas datas diferentes obradoiros, conferencias, microteatros e actividades de asistencia exclusiva para que o alumnado coñeza máis de perto esta festa.

Dentro da programación inclúese o ciclo de conferencias Gallaecia: pasado común do Noroeste peninsular, co obxectivo de dar a coñecer o pasado compartido da Galiza e Portugal, para "comprender mellor o presente". Haberá conferenciantes de ambos os países, como Santiago Ferrer, Fermín Pérez Losada, Rubén Álvarez Asorey ou Miguel Sopas de Melo Bandeira, entre outros.

Pola súa parte, o Cohors III Lucensium levará a cabo diferentes relatorios no Vello Cárcere que abordarán temáticas de arquitectura urbana, medicina, arte e aparellos fluviais da conca do Miño, así como unha charla sobre a prostitución, o sexo e a vida multiemocional na antiga Roma, da man de Ana Castro, psicóloga sanitaria e sexóloga. E o Senatus Lucus Augusti organizará un ciclo de conferencias sobre a historia de Lugo.

Festa da Primavera

A Festa da Primavera terá lugar na Horta do Seminario. Alí, as asociacións Civitas Lucensis, Clan De Breogán, Lugdunum, Mercenarios Galaicos e Trebas Galaicas ofrecerán diferentes talleres de traballos en coiro, barro, cociña e cestaría, mais tamén prepararán unha representación das vodas celtas, das ofrendas e dos rituais inspirados nos antigos poboadores.

As xornadas contarán tamén con obradoiros de mosaicos, de confección, de elaboración de reloxos de sol, de hamatas, xogos romanos, unha xincana e unha exposición de hamatas da man das asociacións Salesiani Luci Augisti, Ara Roma, Asemblearias de LucusAugusti e Terra Corpora.

Outras actividades

Enmarcada nesta programación tamén está incluída a recreación do Natalicio do que participan as asociacións Ara Roma, Asemblearias De Lucus Augusti, Cohors III Lucensium, Guardia Pretoriana, Kertix, Lucus Equites, Lucus Icenas Miliatore, Pax Romana, Salesiani Luci Augusti e Senatus De Lucus Augusti. Ademais, a cidade volverá acoller diferentes paseos con Paulo Fabio Máximo e Güidox da man de Senatus de Lucus Augusti e das Vestales de Lucus Augusti.

Comentarios