A polémica chegou á cidade de Lugo e fíxoo por causa do cartaz escollido para a coñecida festa do Arde Lucus, que terá lugar do 22 ao 25 de xuño deste ano, cartaz que finalmente foi rexeitado.
O cartaz fora escollido nun principio esta segunda feira por parte dun xurado que decidiu que a obra de Borja Mirón titulada Lucus Ignis sería a premiada como a obra que representaría a festa e que recibiría, por tanto, o premio de 1.500 euros.
Con todo Mauricio Repetto, concelleiro de Xuventude e responsábel político da organización da festa, convocou esta terza feira o propio xurado após detectar as “similitudes evidentes” entre o cartaz do Arde Lucus e o cartaz das Falles de València do pasado ano 2018.

O xurado, integrado polo artista Manuel Andrés Pallín; Mónica López, doutora en Belas Artes; e Antonio Cruz, profesor da Escola Superior de Arte Ramón Falcón tomou a decisión de anular o cartaz e pasar a escoller un novo.
Até 36 foron as obras que participaran no concurso e que estiveron expostas na Casa da Xuventude da localidade da muralla.
A nova obra gañadora
Despois da deliberación do xurado, este decidiu a que pasou a ser a nova obra gañadora para representar a festa deste ano.
Deste modo, María Andrea Freire Parga faise co premio pola súa obra Fera muliers que representa mulleres castrexas e romanas.