CONTRACULTURA

Ana Romero, directora do Instituto José Cornide: "Confío en que a situación do Instituto mude drasticamente de aquí a un ano"

Ana Romero, catedrática de Historia, é a nova directora do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses tras unha etapa de varios anos nas que a actividade da institución estivo limitada á publicación da súa revista. Romero afronta esta nova etapa con "boas sintonías e esperanza".
A catedrática de Historia Ana Romero. (Foto: Cedida)
photo_camera A catedrática de Historia Ana Romero. (Foto: Cedida)

—Como se chegou á decisión de renovar a xunta directiva?
Non había outra solución. Levabamos demasiado tempo sen unha cabeza reitora porque o director anterior xa presentara a dimisión, pasou a pandemia polo medio e, sobre todo, fomos quedando moi poucos membros numerarios. Só o ano pasado faleceron tres persoas. Había que tomar unha decisión porque, se non, o Instituto ía acabar por esmorecer: levabamos en pausa demasiado tempo para unha institución porque, aínda que a revista seguiu saíndo, estabamos subsistindo. Queriamos volver programar actos e ter unha vida máis activa. 

A min xa me insistiran hai tempo para que fose a directora, mais eu sempre dicía que non até que me xubilase porque estaba dando clases nun instituto e nin podía con todo nin había compatibilidade de horarios. Agora xa teño máis tempo e xunto con outras catro persoas decidimos coller o Instituto. Non podíamos deixalo morrer porque temos unha responsabilidade moral cos seus fondos. Temos o fondo de Salvador de Madariaga que foi cedido por el mesmo baixo a idea de que tiña que quedar na Coruña, a pesar de que había moitas universidades estranxeiras que o querían. 

Se o Instituto desaparecía, eses fondos ían saír da cidade e non podíamos consentilo. Por suposto tamén temos outro fondo moi importante, o de Vítor López Seoane, así como outros máis pequenos. Persoalmente, estou moi contenta coas persoas coas que estou traballando na xunta directiva para levantar o Instituto e creo que tamén está moi ben que haxa unha muller á fronte da institución. As mulleres tamén temos que dar pasos adiante para exercer de forza para as que veñen detrás. 

—Cales son os retos desta nova etapa?
O reto fundamental é que a institución volva funcionar. Isto significa en primeiro lugar encher os ocos que existían a causa da falta de numerarios. Hai que pensar que tiñamos que ser 25 e só quedabamos nove. Agora xa tivemos unha reunión na que escollemos oito novos membros, porque para que a institución teña vida hai que ter xente. Despois hai que procurar que o Concello nos apoie, algo que de momento estamos tendo, e tamén corrixir un problema importante de persoal. 

Nestes momentos hai unha única persoa contratada que ademais leva moitos anos nunhas condicións laborais de moi pouca categoría para todo o que fai. É a alma do Instituto e sen ela non funcionariamos. Hai unhas semanas tivemos unha primeira reunión entre a xunta directiva e Inés Rei, así como co persoal que estaba na Concellaría de Cultura e parece que hai bastante boa sintonía. En principio, parece que entenden que o traballo do Instituto é totalmente gratuíto por parte de membros e persoas colaboradoras, polo que se trata de pólo en valor e favorecelo, en lugar de entorpecelo. Temos boas sintonías e esperanzas en que esta boa conexión continúe e en que se poida arranxar a cuestión laboral da persoa que está actualmente como funcionaria. 

—Detecta a falta dun relevo xeracional?
Evidentemente. Dúas das tres persoas que faleceron o ano pasado eran fundadoras do Instituto, que o ano que vén cumpre 60 anos. Tamén entendemos que se a institución non ten unha actividade normal é máis complicado que se dea unha reposición. Por iso, para este ano estamos centrándonos en buscar a xente idónea para eses cargos de numerarios, así como os dos colaboradores. A vida do Instituto ten que vir das propias seccións, que son as que demandan, ofertan e programan ideas, polo que, se non hai membros nas seccións, é difícil desenvolver proxectos.

Tamén temos que reformar os estatutos e saber con que orzamento contamos para o ano que vén, mais penso que de aquí a un ano isto vai cambiar dunha maneira moi significativa e confío plenamente en que remontemos con forza.

Comentarios