Contracultura

Amabel González: "É a primeira mostra en formato histórico sobre graffiti e arte mural feita por mulleres"

Amabel González é, xunto con Clara Rodríguez, a comisaria da exposición 1984. Unha xenealoxía feminista da arte urbana galega onde recollen as historias das mulleres pioneiras no graffiti e a arte mural do país.
Clara Rodríguez e Amabel González no acto de inauguración da exposición (Foto: Cedida).
photo_camera Clara Rodríguez e Amabel González no acto de inauguración da exposición. (Foto: Cedida)

—Por que era tan importante facer unha mostra así?
Esta é a primeira exposición que se fai no Estado español en formato histórico sobre o graffiti e a arte mural feita por mulleres, mais tamén é a primeira vez que nun espazo público da Galiza se trata esta temática, porque até o de agora todo estivera en galerías. Tamén é unha mostra pioneira no que respecta ás comisarias: eu fun a primeira en facer estudos universitarios relacionados con esta temática, mentres que Clara é a primeira en organizar o Delas Fest, un festival só para mulleres onde crean espazos seguros para pintar. Que non se soubese que as mulleres pintaban non quere dicir que non existisen, por iso nós entendemos este proxecto como unha forma de derrubar etiquetas. 

Na investigación, chegamos a conclusións como que as mulleres si pintaban, mais que a súa contorna as obrigaba a ir de maneira libre porque non eran ben recibidas nos grupos de homes. Tamén se enfrontaban a violencias cando estaban na rúa, por parte de homes graffiteiros como de xente que pasaba pola rúa: desde tirarlles pedras até rapazas que con 13 anos tiveron que escapar de violacións. Isto levou a que moitas delas non seguiran coa súa carreira profesional porque non lles compensaba ou que a acabaran deixando de lado por circunstancias familiares ou laborais que lles quitaban tempo de seguir facendo arte na rúa. 

Agora varias delas tamén son tatuadoras porque hai unha cousa moi interesante: aínda que non é o mesmo enfrontarte a unha parede ampla que a un espazo pequeno e brando como é a pel, a presión que se fai para tatuar é a mesma que se aplica no spray á hora de pintar. 

—Precisamente recollen a historia de Seor, a autora do primeiro graffiti na Galiza, mais, cando se descubriu, chegouse a pensar que podería estar feito por unha muller?
Non, claro, dábase por feito que as mulleres non formaban parte disto. É verdade que na primeira parte da exposición non temos tanta documentación como nos gustaría porque non se pode comparar unha artista dos anos 80 que de 2015: daquela facer unha fotografía era moi difícil e implicaba ter cartos para a cámara e tamén para revelar. Ademais, moitas delas perderon os discos duros ou os ordenadores nos que tiñan todo gardado. 

O importante neste sentido son os rexistros cos que contamos da súa propia voz cos que nos van relatando como era o que facían ou a situación no seu momento. Tamén hai unha cousa importante que é a intención artística: facer un graffiti non é ir pola rúa e facer unha pintada, hai todo un proceso detrás na cabeza da persoa que o fai así como nos seus cadernos. E se ben eu sigo coa investigación e seguen aparecendo novas informacións, cos datos que eu teño na man e vendo o compoñente artístico de Seor si podemos afirmar que ela foi unha pioneira e a primeira persoa en facer un graffiti na Galiza.

Hai que ter en conta a obra, mais tamén o contexto no que se crea e por iso agora na historia da arte está habendo unha revisión moi necesaria. Socialmente estaba tan instaurado que as mulleres non pintaban que agora volvendo a analizar determinadas obras pode verse que estaban feitas por mulleres mentres os seus homes recibían os aplausos na rúa. 

—Ademais, este tipo de disciplinas tamén supoñen unha loita contra o hexemónico
Claro, utiliza uns códigos que funcionaban para os grupos que os creaban, por iso a xente adoita entendelo como algo sucio e vandálico: simplemente non entende o código. En España, mentres os crimes de sangue prescriben aos 20 anos, o graffiti creado en patrimonio non prescribe nunca, polo que houbo artistas que non puideron participar na exposición porque teñen cargos activos ou porque non tiñan esa seguridade.

Comentarios