Alfonso Franco: "Na comarca de Vigo hai ducias de artistas musicais que demostrarán o seu talento"

A Asociación cultural Galiza Fiddle presentará hoxe Acanteira  (Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, 20 h.), un CD acompañado dun libro de partituras froito de dez anos de traballo de músicas e músicos mozos que se formaron nesta entidade. Nós Diario conversa co fundador e director da entidade, Alfonso Franco, sobre esta ferramenta didáctica e o futuro da nova xeración de instrumentistas de violín para a música popular.  
Alfonso Franco, fundador da asociación Galiza Fiddle, co seu inseparábel violín (Nós Diario).
photo_camera Alfonso Franco, fundador da asociación Galiza Fiddle, co seu inseparábel violín (Nós Diario).

Como se elaborou este traballo discográfico tan singular?

A elaboración do proxecto foi na Semana Santa do ano pasado. Gravamos durante dous meses, pouco a pouco pola pandemia. Cada rapaza e rapaz coa mestra ou mestre e os músicos convidados. Foi un proceso moi longo pola transcrición das partituras e para poder sincronizalas. O libro-CD é moi completo, e inclúe códigos QR con material dos músicos.    

Que se tivo en conta ao  escoller intérpretes e pezas?

Fixemos unha convocatoria entre a mocidade que pasou pola Galiza Fiddle ou participaran nalgunha actividade, sobre todo en San Simon Fiddle, por ser quen teñen un maior coñecemento do que é o violín folk. 

O libro-CD é moi completo, e inclúe códigos QR con material dos músicos.    

Mandaron as pezas que lles parecían interesantes e houbo que escoller. Sobre as pezas, tivemos en conta a variedade e que non apareceran, por exemplo, cinco muiñeiras. Tamén introducimos algunha peza de fóra que sumamos a alboradas, xotas, pasacorredoiras... É unha mostra da riqueza que temos na Galiza a nivel musical. 

Distribuímos as mestras e mestres para os arranxos, menos no caso dos maiores, que comezaron con 14 anos e agora, con 24, xa son músicos profesionais, gañan premios e son os nosos novos mestres. Mesmo botaron unha man nos arranxos dos máis pequenos. 

Foi difícil chegar até aquí e cumprindo obxectivos?

A verdade é que desde que naceu o proxecto non pensamos que chegariamos tan rápido a conseguir o que se pode escoitar no traballo Acanteira. Tíñamos moitas aspiracións e decatámonos que non era tan doado facer actividades, contratar xente, mover fondos dun mofo áxil e por ese motivo creouse a asociación. Nunca contamos con axudas, fíxose todo sen subvencións, por moitos logos de institucións que aparezan nas nosas actividades.

O San Simon Fiddle e todos os cursos que realizámonos até agora son autosubvencionados. O motivo foi que o noso inicio coincidiu coa caída das fundacións das caixas e a desaparición de todo o diñeiro que ía cara á música tradicional. Tíñamos moi claro que se podían facer cousas sen depender do diñeiro público e este disco é un deses proxectos. 

A estrutura de Galiza Fiddle xurde grazas a que eu levo dando aulas desde hai 20 anos na Escola Municipal de Vigo de Música Folk e Tradicional. Foi fundamental que a cidade apostase por un conservatorio e por esta música.

Despois, o desenvolvemento desta actividade foi produto da colaboración co meu alumnado. Ter unha escola foi fundamental, un soporte polo que van pasando centos de persoas da zona de Vigo e de fóra. Ao final, o  proxecto realizouse con elas e con eles. Co tempo ese mesmo alumnado pasou a ser profesorado e a partillar espazo. 

Fáleme do presente e do futuro do fiddle galego.

O presente está arrasando. Hai formacións como Ameixeiras, Riobó, Caldo... Hai moita oferta na que o violín é o instrumento principal. Era a miña ilusión cando comecei hai 30 anos. De cara ao futuro hai que ter en conta que toda esta rapazada está con proxectos novos, participando en grupos. Na zona de Vigo hai ducias de músicas e músicas que demostrarán o seu talento. 

Sempre tivemos un espírito moi internacional, con vencellos moi claros cos Estados Unidos de América ao ser os nosos mestres

Futuro hai. Alén diso, nós seguimos para adiante, non nos quedamos só aquí. Sempre tivemos un espírito moi internacional, con vencellos moi claros cos Estados Unidos de América ao ser os nosos mestres. Agora estamos traballando en proxectos europeos, creando unha rede mundial desde a Galiza para aglutinar ese concepto de fiddle europeo que neste intre está difuso mais que ten moito potencial, desde os Balcáns até Noruega, pasando pola Galiza. Estamos ilusionados e metidos en mil proxectos.

Comentarios