Caldo, unha receita para innovar o folk

O trío vigués integra melodías tradicionais "noutros contextos sonoros".
caldo folk fusión

Malia a súa curta traxectoria, o primeiro disco (homónimo) de Caldo gozou de moi boa acollida. Tanto é así que foron nomeadas finalistas na categoría folk dos premios Martín Códax 2020. Este proxecto comezou como un trío instrumental aló por mediados de 2018, mais o acordeonista tivo que abandonar a formación e quedaron só María Jorge (violín) e Pedro Fariñas (guitarra e gaita).

Con sete temas arranxados, decidiron gravar coa colaboración de Anaïs Barbier (voz e pandeireta) en tres das faixas. Cando empezaron cos concertos a partir do álbum, esta última pasou a ser se integrar no proxecto, se ben o espectáculo mantén moitas pezas instrumentais a dúo.

Caldo, a verba que as define, resulta moi evocadora para unha música traída con mimo e repouso. "María sempre quixo ter un grupo que se chamase Caldo, gostaba da sonoridade da palabra", explica Fariñas. Ademais, alude a un significado moi sentido na nosa cultura. E como esa cociña que afonda nas raíces para innovar -na irresistíbel comparativa culinaria-, tamén elas preparan unha proposta que se afasta do folk máis convencional, comezando pola instrumentación. 

Na influencia

Á hora de encarar un arranxo, collen a melodía tradicional para inserila "noutros contextos sonoros". Empregan así "rodas de acordes pouco comúns ou ritmos que non sexan de xota e muiñeira", explica Fariñas. El escoita moita electrónica e as influencias de María viaxan a América Latina. Os múltiples recursos do seu imaxinario musical, de varios puntos xeográficos, xúntanse coa voz de Barbier, que bebe do canto das mulleres de antes a través das recollidas feitas por Xisco Feixoo, Jaime Conde ou Cuela Fernández. Porén, a estas versións tiradas do patrimonio inmaterial, engádense temas propios.

Esta combinación explosiva levaríaas a facer parte do colectivo vigués Metamovida, nas súas tolas exploracións de vangarda sonora.

Vellas coñecidas da escena musical da cidade, despois do seu primeiro concerto ofrecéronlles entrar. Fariñas observa o encaixe de maneira positiva, nese espírito común por desafíar as estruturas, que os move a levar o folk a lugares que normalmente non habita.

A de Caldo é unha receita que se cociña a lume manso, na que os pequenos detalles son esenciais. "Estamos afeitos a ensaiar no salón da casa, sen amplificación", conta Fariñas, nunha fluída acción-reacción onde as dinámicas xorden "de maneira moi orgánica". Isto, xunto a cuestión económica, levounas a gravar simplemente "con dous micros estéreo e tocar como se houbese alguén escoitando". E así chega un álbum coa vitalidade insuperábel do concerto diferido.

No último tema que presentaron, "Arrolo da cumieira", xa introducen certa produción, con percusión e baixo, un roteiro que queren explorar. A súa idea era encarar 2021 con novo discco, mais agora todo fica á expectativa, a constante que marca os tempos da pandemia.

"Este ano era o de despegar. Tiñamos bastantes concertos no verán, pero está todo cancelado", apunta o guitarrista. O que si nos adianta é que proximamente lanzarán un remix desa última canción, abeirado a unha electrónica que non descartan como vía futura. Os horizontes son amplos e parece que Caldo apunta a encher coa súa orixinalidade moitos bandullos melómanos.

Comentarios