A orquestra folk publica 'Beiralúa'

SonDeSeu “celebra a vida” co seu quinto disco

Máis de 60 músicos e músicas participan no quinto disco da orquestra folk SonDeSeu. Beiralúa é o título dun traballo que procura “a celebración da vida plena” da súa experiencia pioneira: “Abrir un camiño novo na rrelaboración da música de tradición oral galega”.
 

son de seu
photo_camera A orquestra folk SonDeSeu. Foto: cedida.

Fundada en 2001 dentro do departamento de música tradicional da daquela Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo -hoxe Escola Municipal de Música Folk e Tradicional-, o histórico Rodrigo Romaní é o seu impulsor e director. Para este Beiralúa, “voces representativas do panorama actual xúntanse aos mestres e compoñentes da orquestra para danzar unha coreografía simbólica de unión en torno a un proxecto”.

beiralua

Compositores como Xosé Luís Romero, Quico Comesaña ou Pedro Lamas achegaron pezas a unha obra que se adentra, ademais, en clásicos da altura Ahí ven o Maio -poema de Curros Enríquez, música de Luís Emilio Batallán- ou Campanas de Bastabales -texto de Rosalía de Castro, canción de Amancio Prada. As “grandes voces” de Rosa Cedrón ou do Orfeón Treixadura encárganse da intepretación.

“Queda de manifesto”, sinala a nota de prensa remitida pola súa discográfica, Altafonte, “as enormes posibilidades tímbricas da formación viguesa, que se consolida xa como a auténtica Orquestra Folk de Galiza”. Unha masa de contrabaixos, gaitas, violíns, bouzoukis, canto, requintas, percusión, zanafonas e arpas conforman o seu son.

Para chegar a Beiralúa, SonDeSeu iniciou traxectoria en 2003 con Mar de Vigo. Trastempo (2007), Barlovento (2010) e Danzas Brancas (2013) completan a súa discografía. 

Comentarios