Contracultura

Agustín Agra: "Aínda que había mulleres na ciencia, moitas veces non aparecen ou só se nomea o apelido"

O escritor Agustín Agra (Noia, 1966) é o autor de 'O livro das contrárias', galardoado no XXVI Certame de Narración Curta Ánxel Fole -promovido polo Concello de Lugo- e que recolle as voces e olladas das mulleres no ámbito científico.
O escritor e profesor Agustín Agra. (Foto: María Esteirán)
photo_camera O escritor e profesor Agustín Agra. (Foto: María Esteirán)

—Por que quixo escribir unha historia así?
En primeiro lugar, eu dou clase de bioloxía, polo que a ciencia e a natureza sempre están na miña cabeza. Tamén intento reflexionar en clase, dentro do posíbel, o papel das mulleres no mundo científico. Por outra parte, en 2020 publiquei Silencio (Galaxia), onde nun dos relatos hai un triángulo amoroso entre tres mulleres que estudaron xuntas. Durante o confinamento estiven facendo a corrección e neste proceso atopeime cunha serie de problemas que tiña ese relato e que houbo que solucionar. Isto levoume a escribir unha continuación, que é este libro. 

—Como se relacionan ambas as historias?
Temos un triángulo amoroso no que unha das mulleres desaparece, non sabemos por que: faise as súas preguntas e o que lle pide o corpo é a desaparición; entra nun parque nacional e non se volve saber nada dela. Entón, a segunda das mulleres fala desa desaparición e da relación que tiñan entre elas. E a terceira muller non responde. Ese era o relato presente en Silencio, contado a través dunha única voz.

Este libro sería a contestación da terceira muller á segunda despois de entrar nunha exposición fotográfica situada en Lisboa que a leva a atopar a resposta. Chega á conclusión de que esa exposición é da muller que desapareceu e fai como unha secuencia de maneira que explica o motivo da súa desaparición. É como se nesa serie fotográfica estivese dando unha resposta a ela en concreto, á muller que a está mirando. Até certo punto dá a sensación de que pode ser unha narración epistolar, pero vai máis aló. Esta muller ve a exposición, chega ao hotel e comeza a reflexionar. Efectivamente está comunicándose coa outra persoa, mais nunca queda claro se está escribindo ou se é unha comunicación oral. En teoría, se falamos dun premio literario, non debería haber referencias a un libro anterior, mais neste caso trátase de obras que poden lerse de maneira independente, aínda sabendo que existe este contexto.

—Un dos aspectos que salientou o xurado foi a documentación presente ao longo do texto.
Cando escribo é como se pintara. Escribo capa sobre capa, vou pulindo. Aínda que sexan textos relativamente pequenos, lévanme moito tempo precisamente por este motivo. Estudei hai 35 anos e parte da temática de lectura de todos estes anos volve ser a mesma: ciencia, historia da ciencia, mulleres na ciencia... Hai unha insistencia na miña cabeza en estar sempre arredor destas temáticas, polo que si hai unha documentación elaborada, mais realmente non é de agora. Desde logo agradezo moito a valoración de Mariña Pérez, Fabio Rivas e María Reimóndez como xurado.

As mulleres son, aproximadamente, a metade da poboación mundial, mais se colles calquera libro de ciencia a cantidade de mulleres que aparece é insignificante. É difícil determinar se había mulleres en determinados ámbitos, mais en moitas ocasións, aínda que as había, non aparecen ou só aparece un apelido, de maneira que non hai referencias.

En Silencio temos o relato relacionado con O livro das contrárias, mais tamén hai outros dous relatos protagonizados por mulleres, o cal é difícil de atopar cando miramos a historia da ciencia. A min gústame falar da muller de Lavoisier (Marie), que até é mencionada e recollida así, co nome do home, cando o protagonismo pode ser similar.

Comentarios