A Academia publica o catálogo da biblioteca de Murguía para fechar o centenario do seu pasamento

A institución recolle nun volume os rexistros dos arredor de 2.000 libros que forman parte do legado bibliográfico do seu primeiro presidente, unha ferramenta fundamental para seguir avanzando no estudo da súa figura e obra.
Fernando Pereira, Vícto F. Freixanes, Marilar Aleixandre e Ramón Villares, na presentación.
photo_camera Fernando Pereira, Vícto F. Freixanes, Marilar Aleixandre e Ramón Villares, na presentación.

A Real Academia Galega rematou os actos do centenario de Manuel Murguía (Arteixo, 1833 - A Coruña, 1923) coa publicación do catálogo da súa biblioteca e un segundo volume que recolle as achegas presentadas nas xornadas coas que a entidade lle rendeu homenaxe en 2023 a quen foi o seu primeiro presidente. 

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, presentou onte estas obras -dispoñíbeis xa en versión dixital na sección de publicacións da we da Academia-, acompañado dos coorganizadores dos encontros, o director da Sección de Historia, Ramón Villares, e a directora da Sección de Literatura e académica arquiveira-bibliotecaria, Marilar Aleixandre; e mais o bibliotecario Fernando Pereira González, responsábel da edición de Entre páxinas cheas de historia: os libros de Manuel Murguía na Real Academia Galega, un catálogo cos rexistros dos arredor de 2.000 volumes que conforman o legado bibliográfico custodiado pola institución. 

Un volume especial dos "Anexos" do Boletín da Real Academia Galega reúne as nove achegas presentadas nas xornadas. Son traballos arredor  das institucións, das ideas da Galiza e da literatura nacional en Murguía que avanzan -destaca Marilar Aleixandre- na comprensión crítica do homenaxeado emprendida polo académico Xosé Ramón Barreiro (1936 – 2021) na súa biografía (2012) e continuada por María Xesús Lama na de Rosalía de Castro (2017). A profesora da Universitat Autònoma de Barcelona é a autora doutra das contribucións reunidas que "abren camiños aínda por explorar". As demais son as presentadas pola académica correspondente Ana Romero Masiá, o investigador Emilio Xosé Ínsua, o deseñador Pepe Barro, os historiadores Ramón Máiz e Justo Beramendi e os filólogos Xurxo Martínez e Ana Acuña Trabazo.

O catálogo da biblioteca de Murguía forma parte tamén da colección "Anexos BRAG" e edítase co apoio da Deputación da Coruña. Dedicado á memoria do profesor Barreiro -presidente da RAG entre 2001 e 2009-, inclúe información dos 2.017 exemplares do legado de libros e folletos de Murguía conservados na RAG, precedidos dun completo limiar. “Fornece de informacións preciosas sobre as lecturas e intereses de Murguía", valora Aleixandre. 

Moitos libros que formaron parte da biblioteca de Murguía desapareceron pero, así e todo, o legado recibido pola RAG constitúe un conxunto de abondo significativo para desvelar a súa natureza e coñecer mellor o pensamento do historiador e a súa obra, en que temas centraba as súas lecturas e cales eran os autores que tiña máis presentes, apunta Fernando Pereira, que se refire a estes volumes como os alicerces sobre os que se construíu toda a produción erudita do fundador da Academia, 

Historia e celtismo 

O groso dos libros da biblioteca de Murguía chegou á Academia por doazón da súa filla Gala, tras o seu pasamento en 1964. O seu legado inclúe ademais uns poucos incorporados previamente por medio de sucesivas doazóns do propio Murguía cando era presidente e pouco despois do seu pasamento. Dos 2.017 exemplares e 1.834 títulos (hai algúns repetidos e de varios volumes), 860 corresponden a obras de ensaio de temáticas diversas, e 285 a obras de creación literaria. Perto de 250 son anteriores a 1800, publicados a partir do século XVI, e forman parte tamén da colección unha pequena cantidade de volumes que mostran unha fasquía máis familiar da biblioteca que se gardaba na casa da rúa Santo Agostiño da Coruña, pertencentes a Rosalía ou aos seus fillos. 

Canto á temática, os libros de Murguía abranguen desde a relixiosa e as traducións de autores da Antigüidade clásica até historiografía hispánica. A obra de tema galego máis antiga do conxunto é o das Constituciones para o goberno da igrexa de Santiago promulgadas polo arcebispo Francisco Blanco e publicadas en Compostela no ano 1578. 

A variedade temática amplíase entre as obras editadas a partir do século XVIII, ao que pertencen xa títulos que abranguen dende o pensamento económico, a historia, as viaxes ou a oratoria ata a educación ou a situación política de Europa.

Pero é nas obras contemporáneas onde se pode coñecer cales foron os autores de referencia de Murguía. A historia é sen dúbida a materia que reúne máis títulos, “algo que era de esperar tendo en conta o peso das investigacións históricas na súa produción intelectual”, e dentro desta a súa biblioteca contén “un microcosmos do panorama historiográfico europeo da segunda metade do século XIX, sobre todo da historiografía francesa”. Os seus libros confirman que estivo ao corrente das tendencias do momento nos estudos históricos e que coñeceu e leu algúns dos historiadores galos máis destacados, ademais de que procurou informarse e coñecer as novidades a medida que foi realizando as súas propias investigacións. 

Na biblioteca do máis importante teorizador e popularizador do celtismo galego no século XIX non podía faltar tampouco un número importante de obras sobre este tema. Hai case 50 títulos dedicados a este tema, entre os cales a erudición francesa é a predominante, aínda que aquí hai ademais algúns traballos escritos en inglés. "De especial relevancia son as traducións francesas de textos medievais irlandeses que tiña na súa casa, sobre todo a do famoso Leabar Gabala – Livre des Invasions, onde se narraba a lenda de Breogán. Da tradución deste título tirou Murguía para dar a coñecer ao público galego o lendario personaxe que simboliza o vencello entre a Galiza e Irlanda.  


Murguía, o erudito galego máis importante do seu tempo

A arte, a literatura, os temas políticos, económicos e sociais son temáticas moi presentes na biblioteca de Murguía, segundo confirma o catálogo, que inclúe nos seus rexistros información sobre os lugares onde se mercaron algúns volumes. A libraría Bailly Baillière de Madrid foi a principal fornecedora de obras estranxeiras e na Coruña Murguía debeu de ser comprador habitual na de Andrés Martínez Salazar e na de Uxío Carré

Os rexistros do catálogo inclúen así mesmo, entre as observacións, anotacións con información extraída do epistolario de Murguía conservado na RAG e das dedicatorias dos propios libros. Fernando Pereira localizou en total 293 exemplares con dedicatorias. A maioría son obras escritas en castelán e en galego, aínda que tamén existen algunhas de títulos en catalán, portugués ou francés. 

Outro dato significativo é que un gran número das obras literarias de escritores galegos que están presentes na súa biblioteca, publicadas tanto en galego coma en castelán foron un obsequio a Murguía, o que indica a estimación con que o trataron os homes e mulleres de letras do país. "De feito, todas as dedicatorias deixan ver o respecto, a admiración, a gratitude e a amizade que sentían os dedicantes pola figura sobranceira de Murguía, a quen consideraban como o erudito galego máis importante do seu tempo", contextualiza. 

Entre as sinaturas localizadas, figuran moitas personalidades destacadas da Galiza de finais do século XIX e comezos do XX, como María Barbeito, Juan Barcia Caballero, Alfredo Brañas, Ramón Cabanillas...; canda o vasco Carmelo de Echegaray; os andaluces Francisco Rodríguez Marín ou José María Sbarbi; o francés Emmanuel Contamine de Latour; o norteamericano Hugo Albert Rennert; os portugueses Júlio de Lemos e Artur Viegas; ou os cataláns Jacint Verdaguer o Josep Pin, entre outros. 

Comentarios