Rematan as xornadas sobre Murguía

O derradeiro fogar da escritora será o escenario da sesión de clausura, que consistirá nunha mesa redonda sobre literatura e nación con María Xesús Lama, Xurxo Martínez e Ana Acuña, e mais Anxo Angueira como moderador.

O escritor e primeiro presidente da RAG, Manuel Murguía. (Foto: Arquivo Manuel Murguía)
photo_camera O escritor e primeiro presidente da RAG, Manuel Murguía. (Foto: Arquivo Manuel Murguía)

A Fundación Rosalía de Castro (lugar da Matanza, Padrón) acolle este 16 de febreiro, a sesión de clausura das xornadas do centenario de Manuel Murguía. O encontro comezará ás 17 horas cunha mesa redonda sobre literatura e nación que contará coas achegas das investigadoras María Xesús Lama e Ana Acuña e do tamén filólogo Xurxo Martínez, moderada polo presidente da fundación, Anxo Angueira.

A profesora da Universitat de Barcelona María Xesús Lama, gañadora do Premio Nacional de Ensaio do Ministerio de Cultura pola súa biografía sobre Rosalía de Castro, abordará as relacións xornalísticas e literarias da autora fundacional das letras galegas contemporáneas e Manuel Murguía;

Ana Acuña, da Universidade de Vigo, centrarase en Murguía e a literatura popular e Xurxo Martínez dedicará a súa intervención á creación dunha “escritura nacional”. 

A Real Academia Galega organiza as Xornadas Manuel Murguía co apoio económico da Xunta de Galiza e coa colaboración da Fundación Rosalía, a Universidade de Santiago de Compostela, o Concello da Coruña e a Fundación Luis Seoane.

O programa arrincou o pasado 2 de febreiro, o día en que se celebrou o centenario do pasamento do primeiro presidente da Academia, na cidade da Coruña, onde viviu os derradeiros anos da vida e onde faleceu.

O día 9 as xornadas continuaron na Universidade de Santiago de Compostela, noutra cidade destacada na traxectoria vital do grande ideólogo do galeguismo; e agora concluirán na casa da Matanza, a derradeira residencia de Rosalía, onde o propio Murguía residiu ocasionalmente coa familia. 

Rosalía trasladouse a este lugar no ano 1883, dous anos antes do seu pasamento. Murguía, de regreso á Galiza desde Madrid no ano 1882, residiu só ocasionalmente en Lestrobe e logo na Matanza coa familia. A necesidade de redactar a Historia de Galicia para a que precisaba a proximidade de arquivos e bibliotecas e mais a demanda de artigos literarios levaron a que este alugase en Santiago de Compostela un piso, conta o historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández (1936-2021) na gran biografía do autor, Murguía (Galaxia, 2012).

Comentarios