O arquivo da familia Carré, custodiado polo Arquivo do Reino de Galiza

O Arquivo da Familia contén documentación que abrangue de 1762 até 1978.
Uxío Carré cos seus fillos: de esquerda a dereita, Gonzalo, Leandro, Uxío, Lois e Carlos.
photo_camera Uxío Carré cos seus fillos: de esquerda a dereita, Gonzalo, Leandro, Uxío, Lois e Carlos.

O arquivo da familia Carré Aldao e Carré Alvarellos permanecerá a partir de agora no Arquivo do Reino da Galiza, onde se atopa xa gran parte do fondo documental e bibliográfico da coñecida familia. Os bisnetos de Uxío Carré Aldao doaron o arquivo familiar e profesional do seu bisavó, acompañado tamén dos documentos dos seus avós Lois e Eugenio Carré Alvarellos e outros membros da familia. Un arquivo ao que comezou a dar forma Uxío Carré e que os seus descendentes foron continuando pola súa implicación coa cultura galega. 

O legado do bisavó

Todo comezou coa creación por parte de Uxio Carré dunha imprenta, litografía, papelería e libraría, epicentro de numerosos faladoiros. Tras o peche da libraría despregou unha intensa actividade cultural e divulgativa. Os seus pasos seguiunos Lois Carré Alvarellos, seu fillo, quen foi membro da Real Academia Galega (RAG) e centrouse na investigación etnográfica. 

Uxío Carré Alvarellos estivo moi marcado por un forte sentimento galeguista e as inclinacións literarias, dedicándose durante anos a impartir conferencias e leccións nas sociedades obreiras e recreativas dos barrios coruñeses, sendo nomeado académico adxunto da RAG. Tamén destacou a traxectoria de Leandro Carré Alvarellos, quen dinamizou o mundo teatral da época e ingresou no Seminario de Estudos Galegos. 

O Arquivo da Familia contén documentación que abrangue de 1762 até 1978 e conta con 116 caixas, 21 mapas e planos, 19 impresos, 11 láminas, 1.158 fotografías, 127 postais e numerosos manuscritos de obras, así como libros e publicacións periódicas. Entre todos os arquivos atópase o testemuño directo, vivido e continuo do nacemento dos movementos galeguistas da segunda metade do século XIX e a primeira metade do século XX. 

Comentarios