A Academia estrea unha serie sobre Gurriarán

A Real Academia Galega (RAG) presentou unha serie web de cinco capítulos sobre a vida e a obra do poeta valdeorrés.
Imaxe da serie web documental (Foto: RAG).
photo_camera Imaxe da serie web documental (Foto: RAG).

Florencio Delgado Gurriarán, o poeta valdeorrés a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas, conta desde esta quinta feira cunha serie web documental que dará a coñecer a súa vida e obra. Anunciouno a Real Academia Galega (RAG) ao tempo que informaba que xa estaba dispoñíbel na súa web e canle de YouTube o primeiro dos cinco capítulos da produción que leva por título Florencio Delgado Gurriarán. O soño da Galicia infinda.

A intención desta institución, segundo sinalou o seu presidente, Víctor F. Freixanes, é estrear un novo episodio cada quinta feira, despois de Semana Santa e até a semana previa ao 17 de maio.

"A Academia pretende achegar a todo o público unha figura destacada do traballo literario e do activismo cultural do exilio coa que trasladamos, por primeira vez desde 1963, o Día das Letras Galegas a terras valdeorresas e ao exilio mexicano", asegurou Freixanes. 

Percorrido pola traxectoria do poeta

O proxecto foi guionizado pola xornalista María Yáñez, responsábel tamén da serie de Xela Arias de 2021.

"Os cinco capítulos trazan un percorrido pola traxectoria de Florencio Delgado Gurriarán deténdose nos diversos aspectos que compoñen o seu perfil, marcado polas inquietudes literarias, lingüísticas e políticas, así como por un forte amor a Galiza, e de forma especial, por Valdeorras, á terra que o viu nacer", explicou Yáñez. 

Neste traballo interveñen, entre outras e outros especialistas, o historiador Ricardo Gurriarán; Elva e Teresa Delgado e Lucio Santalla, tamén familiares do poeta; Débora Álvarez, directora do proxecto 'As letras de Florencio'; Margarita Pizcueta, concelleira de cultura do Barco de Valdeorras; e o presidente da RAG.

Comentarios