Unha mostra recolle obxectos persoais de Florencio Delgado Gurriarán

A exposición producida pola Editorial Galaxia, 'Florencio Delgado Gurriarán. Bebedeira de ensoños’, explica de maneira didáctica a vida e a obra do poeta valdeorrés.
Florencio Delgado Gurriarán. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Florencio Delgado Gurriarán

A mostra 'Florencio Delgado Gurriarán. Bebedeira de ensoños’, producida pola Editorial Galaxia para a Xunta da Galiza e comisariada por Ricardo Gurriarán, familiar do persoeiro recoñecido en 2022 co Día das Letras Galegas, será a gran aposta expositiva da efeméride este ano.

O proxecto, informativo e didáctico, divídese en 15 paneis explicativos que percorren a vida e a obra do valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán, e unha selección de obxectos persoais do autor, cedidos pola familia para esta exposición.

Os paneis repasan a traxectoria vital e biográfica do autor homenaxeado, permitindo comprender quen foi, que deixou e que implica a figura do poeta.

Por outra banda, o acceso a obxectos persoais do escritor, expostos en mesas-vitrina, como cartas con persoeiros do seu tempo, como Otero Pedrayo ou Castelao; borradores de poemas, que logo remataron nos seus libros, publicacións orixinais, que permitirá un achegamento máis completo para comprender a súa figura e obra literaria. A mostra comezará a súa itinerancia en abril e deterase no Barco de Valdeorras, Ourense e Santiago.

Publicacións de Galaxia

Ademais desta iniciativa, a Editorial Galaxia publicou as súas obras Bebedeira, Galicia infinda, O soño do Guieiro ou unha Antoloxía poética, en edición de Débora Álvarez Moldes e Margarida Pizcueta Barreiro.

Tamén editaron  Florencio Delgado Gurriarán. Poeta na terra, na guerra e no exilio. Antoloxía poética, de Xesús Alonso Montero e Vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista, de Ricardo Gurriarán, publicado en 1999 e agora recuperado por Galaxia.

Por último contan coa obra Florencio Manuel Delgado Gurriarán. Un legado infindo, de Lucía Gómez Álvarez.

Comentarios