Miro Villar: "A Delgado Gurriarán xa lle preocupaba algo tan actual como a transmisión do idioma"

O escritor, docente e tradutor Miro Villar vén de publicar Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta no exilio mexicano, un traballo con espírito didáctico que procura achegar ao gran público a información máis salientábel sobre o valdeorrés homenaxeado coas Letras Galegas. Nós Diario conversa co autor para afondar no contido da publicación.  
Miro Villar descubriu a obra de Florencio Delgado Gurriarán da man do profesor Alonso Montero. (Foto: RAG).
photo_camera Miro Villar descubriu a obra de Florencio Delgado Gurriarán da man do profesor Alonso Montero. (Foto: RAG).

Como chega á obra de Florencio Delgado Gurriarán?

A min sempre me interesou a poesía da emigración e do exilio. Penso que é unha débeda que aínda temos pendente. Están a saír estudos mais hai moito que facer nese terreo. A Florencio cheguei, fundamentalmente, da man do profesor Alonso Montero nun curso de doutoramento sobre Guerra Civil e literatura galega. Tiña o costume, neses cursos, de chegar cuns libros e falaba de autores que non estaban no currículo.

Despois coincidiu que o meu primeiro destino docente foi no Barco de Valdeorras e alí profundei máis no interese por toda a súa obra. Alí preparei unha palestra para o Instituto de Estudos Valdeorreses do que saíu un artigo que foi a cerna deste libro. 

Cal é a razón de que non se tratara antes o exilio galego en México?

Hai moitos estudos sobre o exilio americano, sobre todo nucleado ao redor da Arxentina. Ten que ver con que alí estaba o núcleo do galeguismo, entre eles un persoeiro como Castelao que concitaba ao seu redor todo o galeguismo militante na altura. Probabelmente tamén habería unha maior comunicación entre ese exilio e o que se denominou exilio interior. 

O exilio mexicano ten nomes moi importantes. Ademais de Delgado Gurriarán ten poetas pouco coñecidos, como Serafin Ferro que morreu novo. Tamén hai cineastas como Carlos Velo ou músicos como Jesús Bal y Gay. Coido que México estaba chamado a aparecer nas Letras Galegas cando xa se tratou, dalgunha maneira, o exilio na Arxentina. Haberá que pescudar no de Uruguai, Chile e Paraguai, máis pequenos e con voces importantes.

A obra de Delgado Gurriarán vai parella coa súa biografía?

É indubidábel. Poderiamos estabelecer tres etapas claras. Hai un Florencio de preguerra, outro da guerra e un máis da posguerra. Na primeira mesmo confesa que está moi na liña dunha das correntes de vangarda daquela época, o hilozoísmo de Amado Carballo, e confésase debedor da súa obra.

Logo hai un Florencio combatente que publica nas revistas antifascistas cando xa está exiliado, despois dunha fuxida desde Valdeorras cara a zona republicana e nos primeiros anos do exilio. Poemarios como Cancioneiro da loita galega, aínda que os textos estean asinados con seudónimo, sabemos que son da súa autoría.

Ten esa musa cívica, combatente, antifranquista, republicana. Despois, a partir de 1963 co seu gran libro Galicia infinda e todos os que virán con posterioridade, hai un Florencio máis plural, que trata todos os temas. Dialoga cos nosos poetas, como Rosalía e Curros, mais tamén coa poesía simbolista que incorpora toda a cultura mexicana do exilio que xa está vivindo. Ten os que chamou "poemas mexicanos" que incorporan moito da cultura indíxena, mesmo coas súas voces. Temos un poeta máis poliédrico, con moitas caras e que coñece moito máis o oficio. 

Como entende o seu compromiso coa lingua?

Desde moi cedo xa ten unha preocupación sociolingüística nos seus textos. Preocupáballe algo tan actual como a transmisión do idioma. Critica o que sucede nos ámbitos urbanos e tamén entra na deturpación dos topónimos mesmo con varios poemas que tratan este tema. Aínda podemos aprender e quitar moitas leccións deles hoxe. Ten moito que ver coa súa propia traxectoria biográfica.

Foi un militante do galeguismo desde cedo. Sabemos que acompañou sendo mozo, por exemplo, a Otero Pedraio nas campañas polo Estatuto. O seu compromiso faise desde o ámbito ideolóxico e despois para dignificar a lingua desde o popular.

Nos seus textos chama a facer unha síntese entre a lingua máis culta e a lingua do popular. Dicía que debía estar nos dicionarios e nas gramáticas. Estaba preocupado polo léxico dialectal valdeorrés.

Comentarios