Máis de 150 iniciativas lembrarán a Florencio Delgado Gurriarán

Exposicións, conferencias, publicacións, proxectos educativos, música ou audiovisual serán algúns dos elementos desde os que, ao longo deste ano, festexarase e porase en valor a figura do poeta e activista ouresán Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado nas Letras Galegas 2022.
Presentación da programación das Letras Galegas 2022 dedicadas a Florencio Delgado Gurriarán (Foto: Conchi Paz).
photo_camera Presentación da programación das Letras Galegas 2022 dedicadas a Florencio Delgado Gurriarán (Foto: Conchi Paz).

A figura de Florencio Delgado Gurriarán centrará este ano con máis de 150 iniciativas a celebración do Día das Letras Galegas. Desde publicacións até conferencias pasando por exposicións e audiovisuais darán a coñecer a vida e a obra do escritor e activista valdeorrés. 

Entre os elementos incluídos na programación están distintos proxectos expositivos, como a mostra 'Florencio Delgado Gurriarán. Bebedeira de ensoños', comisariada por Ricardo Gurriarán e que levará información sobre o autor e unha selección de obxectos persoais polo Barco de Valdeorras, Ourense e Compostela.

Tamén, entre maio e decembro, circulará entre 10 localidades galegas a mostra 'Compromiso na Distancia', cun enfoque plenamente didáctico. As distintas bibliotecas da rede pública acollerán exposicións en relación ao homenaxeado.

En canto ás publicacións, sairá á luz o XLV volume dos Cadernos Ramón Piñeiro, con estudos sobre o poeta, e o Consello da Cultura Galega (CCG) sacará á luz a obra Cancioneiro da Loita Galega. Editoriais como Galaxia, Xerais, Bolanda ou Ir Indo editaron tamén libros do e sobre o autor e a Deputación de Ourense dedicaralle a 47 edición da Revista Raigame. 

Córgomo, centro dos actos da RAG

A Real Academia Galega (RAG), polo seu lado, realizará un simposio en novembro e publicará o discurso de Delgado Gurriarán ao seu ingreso como académico correspondente, unha entrevista inédita do ano 1979, unha recompilación de correspondencia e o boletín monográfico dedicado á súa figura, así como contidos web.

A maiores realizará unha sesión plenaria o 17 de maio que, nesta ocasión, terá lugar na parroquia de Córgomo, en Vilamartín de Valdeorras, de onde era orixinario o poeta. En xuño será o CCG o que levará a súa figura á Illa de San Simón. 

Na comarca de Valdeorras protagonizará a Feira da Primavera e o Concello de Vilamartín, desenvolverá un proxecto cultural iniciado pola Asociación de Veciñas e Veciños de Córgomo a comezos do 2000, co que realizan xornadas teatrais. Ademais, tamén lembrarase no IV Concurso de porcasts 'Radio na Biblio' e o IV Certame de podcasts en galego Xosé Mosquera. Finalmente, o 16 de maio, o CCG organizará, no Barco, o tradicional Concerto das Letras.

Comentarios