As letras de Florencio Delgado Gurriarán viaxan desde a Valdeorras Infinda

Home ponte entre a Galiza exiliada en México e a interior, o poeta Florencio Delgado Gurriarán, figura que será homenaxeada no próximo Día das Letras Galegas, inspira Valdeorras Infinda, un novo colectivo cultural que aposta por proxectar o conxunto da comarca valdeorresa desde a cidade da Coruña.
O escritor Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado co Día das Letras Galegas 2022 (Foto: Real Academia Galega).
photo_camera O escritor Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado co Día das Letras Galegas 2022 (Foto: Real Academia Galega).

"Cómprenos desbotar antigos erros / fillos de mente estreita", escribía para Galicia Infinda, poemario que ve luz en 1963 a canda o centenario dos Cantares Gallegos de Rosalía, nacenza do Día das Letras. E facíao na colección de poesía galega Salnés, de Galaxia, ao coidado de Celso Emilio Ferreiro, Emilio Álvarez Blázquez e Salvador Lorenzana. 

Desde o exilio atlántico, o poeta de Valdeorras convertería esta obra nun percorrido por 20 anos de traballo, unha sorte de autopoética que se move entre Cantarenas, Valdeorras, Castiñeiros e Varia até os últimos Poemas Mexicanos. 

O seu autor, Florencio Delgado Gurriarán (Vilamartín de Valdeorras, 1903–California, 1987), tornarase tamén infindo coa homenaxe a lle render no Día das Letras Galegas en 2022. Infindo Delgado Gurriarán, “cuxo labor literario e activismo político e cultural constitúen un dos capítulos máis destacados das letras galegas da diáspora”, “un referente obrigado da nosa historia contemporánea”, valoraban desde a Real Academia Galega.

Valdeorras Infinda

Seguindo o legado de Florencio Delgado Gurriarán botaba a andar, a mediados do pasado agosto, Valdeorras Infinda, un colectivo cultural que aposta por proxectar a comarca de Valdeorras (O Barco, O Bolo, Carballeda, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, A Veiga e Vilamartín) desde a cidade da Coruña, punto de encontro para moitos e moitas valdeorresas na actualidade. 

Valdeorras Infinda nace coa vontade de ser un “proxecto global que vai tocar todos os aspectos, xa sexan culturais, políticos, sociais, gastronómicos… da comarca de Valdeorras", conta para Nós Diario Emilio Vega, un dos seus promotores a canda Cristina de la Torre, Domingo Díaz Docampo e Manuel Agra

Neste tempo xa realizaron, "apuradamente", actividades, eventos, palestras, para enmarcar a comarca e a vida de Florencio Delgado, explica, ao abordar temáticas como o Sputnik labrego, a política en Valdeorras na época moza de Florencio, a guerra e a posguerra inmediata, os exiliados en México ou a presenza das mulleres na guerrilla e durante a posguerra.

Letras para Florencio

A próxima cita deste colectivo centrarase no poeta valdeorrés. So o título “As letras de Florencio. O éxito dun proxecto”, a xornalista Débora Álvarez Moldes contará como se xestou o recoñecemento do Día das Letras Galegas 2022 para Florencio Delgado Gurriarán. Unha iniciativa que "nace en 2016 por petición da concelleira de cultura do Concello do Barco, Margarida Pizcueta, quen propuxo facer unhas liñas de actuación para fomentar a figura de Florencio", conta Álvarez Moldes para Nós Diario. Aínda que antes, "a principios de 2000, houbera moito movemento, sobre todo a cargo da Asociación de Veciños de Córgomo, reivindicando a súa figura", e en 2017, "cando se fixeron os 35 anos da súa morte", engade. 

O encontro, que decorrerá na sede da Asociación Cultural Alexandre Bóveda mañá, 6 de outubro ás 19.30 horas, á parte de dar a coñecer esta iniciativa, tamén servirá para proxectar a curta O castiñeiro morto, de Domingo Díaz Docampo, e para o actor valdeorrés Paco Campos recitar poemas de Florencio.

Mais alén de realizar un percurso pola súa obra, desde Valdeorras Infinda consideran necesario ter presente o contexto sociopolítico que acompaña a figura de Florencio “porque cremos que os actos oficiais acapararán bastante o carácter literario” deste persoeiro, explica Emilio Vega. “Imaxinamos que en 2022 sairán unha serie de programas e eventos sobre a figura literaria de Delgado e pensamos que antes de comezar con isto, cuestión que tamén abordaremos, é necesario dar a coñecer o contexto social e político" no que elaborou parte da súa obra, "polo menos onde bebeu e naceu como escritor”, incide. 

Así, destacan o feito de ser un home politicamente comprometido, "un antifascita declarado nas súas conversas e manifestacións", que viviu en primeira persoa o drama da represión. Florencio era "un nacionalista afiliado ao Partido Galeguista (PG), á esquerda do PG, que, a pesar de ser ourensán, rompeu con Risco e Otero Pedraio para facer parte da liña de Daniel Castelao", explica. Un home que na emigración "loitou no marco do PG pola liberación da Galiza", incluso despois do seu declive. "Aspecto que convén destacar”, incide.

Aqueles "ocultos"

"Polo mundo espallados / van os netos dos celtas", escribía o poeta. "É unha pena que haxa unha serie de homes deste país, galegos, que combateron pola Galiza, pola súa historia, progreso e a liberación, como Emilio González López, por exemplo, ou Florencio Delgado, que non teñan ese coñecemento público que presentan outras figuras, nin con menos nin máis valores", critica Vega. 

"Este home quedou oculto", afirma. A bagaxe literaria de Delgado non é extensa, mais si interesante. Así, desde Valdeorras Infinda queren rescatar esa situación e pór o poeta no centro destacando dúas cuestións: a primeira, que é un bo poeta; e a segunda, que é un home de política, que militou desde a súa xuventude nas Irmandades da Fala, no PG e que logo estivo na guerra civil española do lado da República. Mais as dúas vertentes retroaliméntanse e conflúen en obras como Cancioneiro de loita, un poemario moi "duro".

Unha "ponte" para a Galiza exiliada

A Real Academia Galega dedicaralle o Día das Letras Galegas 2022 a Florencio Delgado Gurriarán (Córgomo, Vilamartín de Valdeorras, 1903–Fair Oaks, California, 1987). A través da súa figura tamén se homenaxeará, por primeira vez, a Galiza do exilio republicano en México, país onde o propio Delgado Gurriarán e outros compañeiros e compañeiras desenvolveron iniciativas que mantiveron vivo o facho da identidade galega e que constitúen un referente obrigado da historia contemporánea. Florencio Delgado Gurriarán, avogado de formación, foi poeta, articulista, pioneiro da tradución poética interlingüística, editor literario e home ponte entre a Galiza exiliada en México e a interior.
 

Comentarios