O 'ABC' sobre Tanxugueiras: "O folclore ten dificultades para pórse ao día e saír do agro e das enaguas"

O diario estatal ABC critica as Tanxugueiras e a súa proposta, recoñecida desde a perspectiva musical, cuestionando a "dificultade do folclore para pórse ao día e saír do agro e das enaguas".
Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro, Tanxugueiras. (Foto: Rocío Cibes)
photo_camera Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro, Tanxugueiras. (Foto: Rocío Cibes)

A poucos días de que comece o Festival de Benidorm (País Valencià), que determinará o grupo artístico que representará o Estado no festival de Eurovisión deste ano, os medios estatais comezan a pór o foco no certame e nas posíbeis vencedoras.

Entre as máis recoñecidas nas semanas previas ao concurso no que participarán até 14 formacións están as Tanxugueiras. En apenas un mes, Terra, a canción que levarán ao País Valencià, e quen sabe se a Eurovisión, foi reproducida 2,3 millóns de veces na plataforma Youtube.

Tendo en conta que na historia do festival ningún artista foi seleccionado para interpretar unha canción nunha lingua do Estado que non fora o castelán, a expectación creada pola súa participación tamén espertou a crítica dos sectores máis conservadores e a extrema dereita.

Nese sentido, un artigo do ABC asinado por Jesús Lillo no que repasa os grupos que participarán no certame, cualifica o grupo galego de exemplo “dun tribalismo, neste caso galego, algo forzado e que pon de manifesto a dificultade do folclore para pórse ao día e saír do agro e das enaguas”.

Algo que, segundo sostén, non acontece co flamenco, que cualifica de "moi evolucionado, traballado desde hai décadas en talleres e laboratorios".

Subliñando que as Tanxugueiras son "as favoritas de Yolanda Díaz", vicepresidenta segunda do Goberno estatal e ministra de Traballo e Economía Social, o ABC salienta que "meten na cazola da súa queimada ingredientes tan diversos como o new age ou o trash dance", que resume como "accesorios" do seu "tribalismo".

Na nova, non se menciona a procedencia do resto de participantes nin se utilizan termos semellantes, como moito, puntualízase quen canta en inglés e quen en castelán.

Comentarios