Medra o interese pola lectura: os préstamos nas bibliotecas públicas aumentan a 1,6 millóns en 2022

Pepe Carreiro, Domingo Villar e Carmen Mola, entre os autores máis demandados o pasado ano.
Biblioteca pública Ánxel Casal, en Santiago. (Foto: Xunta)
photo_camera Biblioteca pública Ánxel Casal, en Santiago. (Foto: Xunta)

A Rede de Bibliotecas da Galiza, formada por máis de 300 centros públicos, fechou 2022 con case 1,6 millóns de préstamos, o que supón un incremento de até 23% en comparanza co ano precedente, segundo datos recolleitos pola Xunta esta cuarta feira nun comunicado.

Esta cifra coñécese o mesmo día no que as bibliotecas celebran o Día do Usuario, unha efeméride recollida no calendario do libro e da lectura do país, polo que haberá unha programación especial para achegar estes servizos á cidadanía, con talleres, visitas guiadas ou contacontos.

En concreto, nos centros xestionados polo Goberno galego rexistráronse uns 750.000 préstamos, o que supón 5,6% máis que en 2021. A esta cifra realizada de forma presencial hai que sumarlle os case 135.000 feitos a través de GaliciaLe, a plataforma de préstamo de libros, revistas, audiolibros e películas en formato electrónico das bibliotecas públicas.

Os títulos galegos máis demandados en 2022 foron Os Bolechas, de Pepe Carreiro —humorista gráfico de Nós Diario—; Leo con Bubela, de Colectivo Bubela, e O souto dos catro ventos, de María Oruña. Completan as primeiras posicións as obras Os nenos da varíola, de María Solar, e A praia dos afogados, de Domingo Villar.

No que atinxe aos libros escritos en castelán, os máis solicitados foron A besta, de Carmen Mola —pseudónimo dos autores Jorge Díaz, Agustín Martínez e Antonio Mercero—; A nai de Frankenstein, de Almudena Grandes, e Unha historia ridícula, de Luis Landero.

Comentarios