Contracultura

Nee Barros: "É interesante que sexamos as persoas autistas as que contemos as nosas propias historias"

Nee Barros vén de recibir o V Premio María Victoria Moreno pola súa novela 'Nom estamos quebrades', escrita en galego reintegrado e cunha linguaxe non binaria e que sairá en abril coa editora Cuarto de inverno. Barros aborda as eivas na representación de determinados colectivos na literatura e nos espazos seguros xa que, como di, “intento dar voz a cousas que a min me gustaría que estiveran representadas”.
 
Coordina o volume Nee Barros. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Tras publicar obra poética e teatral, Nee Barros iníciase na novela con 'Nom estamos quebrades' (Foto: Nós Diario).

Como xurdiu 'Nom estamos quebrades'?

Eu levaba desde 2017, cando naceu Identidade (Xerais), sen escribir nada longo de ficción. Había tempo que tiña algunhas ideas, mais cada vez que comezaba había algo que non me convencía. Por outra parte, eu levaba tempo sabendo do Premio María Victoria Moreno, falárame del Eva Mejuto, e querendo presentarme porque é dos poucos certames que admiten textos en reintegrado.

Cando saíu a convocatoria só había un mes para presentarse, polo que non tiña moitas esperanzas de poder facelo, mais estiven nun club de lectura con Lorena Conde, quen gañou nunha edición pasada con Velloucas e Minchas, e comentoume, sen saber que eu tiña intención de escribir algo para o premio, que ela escribira ese texto nun mes. 

Tiven a sorte de ter a miña familia coidándome porque estiven un mes encerrade no meu cuarto escribindo sen parar motivándome xunto co meu amigo Alfredo, que tamén estaba escribindo unha historia nese momento.
 
Hai moita representación que non é tan común, como as dúbidas sobre a orientación sexual ou o autismo.

Se eu represento persoas racializadas, bisexuais, autistas, asexuais, lésbicas ou demais é porque no meu día a día vexo persoas así. A protagonista é autista e vive todo o que pasa na novela a través desa lente porque me parece interesante que sexamos as persoas autistas as que contemos as nosas propias historias. Tamén intento dar voz a cousas que a min me gustaría que estiveran representadas na literatura e penso que é moi útil ver como hai personaxes que dubidan sobre a súa propia sexualidade e como experimentan porque é cuestionándonos como mellor nos podemos coñecer. 

E neste sentido é importante recalcar que o feito de ser persoas racializadas ou do colectivo LGBTIQA+ non é a única característica destas personaxes, simplemente é unha aresta máis porque existen máis aló diso. Por outra banda, interesábame falar das pequenas violencias que parten da ignorancia de persoas que non tiveron recursos para coñecer unha realidade, cuestionar un pouco eses espazos seguros.

Por exemplo, esta protagonista que é autista queda fóra de moitos espazos supostamente seguros porque non teñen en conta a súa discapacidade, mais ela ao mesmo tempo cando coñece unha persoa non binaria tampouco sabe como dirixirse a ela. Interésame máis deixar ese espazo para cuestionarnos a nós mesmes que falar tanto das violencias explícitas que xa se están a visibilizar como algo negativo. 

Como foi desenvolver unha protagonista autista nos contextos de festa que teñen lugar na novela?

Foi un desafío porque para min, como persoa autista, é unha contorna hostil. Son hipersensíbel á luz e ao ruído entón se entro nunha discoteca ou pub onde hai luces ou sons moi fortes entro en pánico, o que se coñece como meltdown ou shutdown. Tiven sorte porque unha das miñas mellores amizades, Malva, levoume de festa por Santiago de forma accesíbel para que eu puidera ir sacando fotografías e tomando nota. 

Grazas a iso puiden coller referencias á hora de representalo no libro. Non é que sexa unha obra na que a xente poida ver como é saír de festa entre a mocidade precisamente, porque quixen representar a pouca accesibilidade que hai á hora de saír de festa ou de encaixar nun modelo dun grupo de amizades que sae de festa.

Por outra banda, eu quería demostrar que se pode saír de festa na nosa lingua ou que debería poderse. Por iso a historia vai acompañada dunha lista de reprodución a través dun código QR e a música está presente a través de citas e de cancións que soan de fondo ou que serven para caracterizar as personaxes. 

Comentarios