A veciñanza de Coia pide que se asegure a conservación do Alfageme

A Asemblea Aberta do barrio vigués mantén a súa negativa a que o barco se instale na rotonda pero defende que se lle dea un trato patrimonial que non será posíbel coa protestada ubicación que defende o alcalde.

Protesta en Coia
photo_camera Protesta en Coia

“Paralizamos as obras da rotonda polo gasto insultante e inmoral dunha obra nun barrio que está sufrindo con crueza as consecuencias da crise, pero tamén pensamos que unha rotonda non é lugar para emprazar un ben cultural”. Así se expresa a Asemblea Aberta de Coia, nunha nota onde piden que as autoridades se comprometan na conservación do Bernardo Alfageme ao tempo que teiman na súa oposición a que se instale no barrio nunha obra de alto custe para as arcas públicas. 

“A idea do alcalde de emprazar o Bernardo Alfageme na rotonda de Coia semella contraproducente para a propia conservación do barco. Corrosión, deterioro por causas químicas ou microbiolóxicas, agresións antrópicas,..., son algunhas das conxunturas que deberían terse en conta a partir de hipotética instalación do barco na rotonda. Por este motivo, vemos de solicitar formalmente ao Departamento de Patrimonio Histórico do Concello de Vigo que se faga pública a folla de ruta, que a corto e medio prazo, asegure a conservación do Bernardo Alfageme”, explica a veciñanza do barrio vigués. 

A Asemblea tamén lembra que esta iniciativa súmase á que dirixiron á Xunta de Galiza para que declaren o barco Ben de Interese Cultural (BIC).

Comentarios