DIEGO LORES, ODS-COIA

"A policía tomou o de Coia como un conflito persoal"

Activista de ODS-Coia, Diego foi denunciado pola policía municipal de Vigo que o acusa dun presunto delito de "atentado" contra a autoridade no marco das mobilizacións contra a instalación do Bernardo Alfageme.

Coia
photo_camera [Imaxe @ANOVA_Irmandade]

Pouco antes de conversar con Sermos Galiza, Diego Lores acudía a un escracho contra o alcalde de Vigo, Abel Caballero. "Non apareceu porque estabamos nós", relata este veciño de Coia e activista da Oficina de Dereitos Sociais deste barrio obreiro vigués. Foi un escracho "falido", di entre sorrisos. 

Non é a primeira vez que acontece, o rexedor da cidade olívica está a esquivar os protestos veciñais. Reaxe a fotografía que poida suxar a imaxe que construíu nos últimos anos da cidade a golpe de declaracións nos medios de comunicación. Un Vigo "fermoso" no que "ninguén durme na rúa", no que non hai miseria ou necesidades. Unha cidade na que grandes barcos locen en rotondas mentres a veciñanza pasa dificultades económicas. Mais tamén, un lugar no que a cidadanía é chamada a votar para decidir colectivamente a cor do estadio dun clube de fútbol (Balaídos). "Para iso si hai democracia e cartos", lamenta Diego, coa mente posta tamén nos 600 mil euros que custou colocar o Bernardo Alfageme na rotonda. 

Dereitos sociais

O conflito no barrio de Coia --que vén de longo-- retrata dúas cidades. A do alcalde e a da xente. É "un símbolo", explican as persoas que integran a asemblea aberta de Coia. Un holograma no que proxectan, aínda hoxe, a batalla a prol "dos dereitos sociais". Embora estar instalado o Bernardo Alfageme @s activistas continúan a tentar paralizar as obras que visan dar por rematada a rotonda "a semana que vén". 

O conflito no barrio de Coia --que vén de longo-- retrata dúas cidades. A do alcalde e a da xente.

A Diego o seu compromiso social e político estalle a custar un proceso xudicial polo que encara unha acusación que o sinala como responsábel dun presunto delito de "atentado" e "agresións". Atribúenlle uns feitos que el nega e que terían acontecido o 15 de decembro de 2014. 

"É algo demasiado habitual, non só en Coia", di, "tamén en Compostela contra activistas de Stop-Despexos, os dous traballadores da Citröen para os que se pide o indulto ou mesmo na Coruña". 

"Buscan un castigo exemplarizante", apunta a respeito do seu caso. Até o momento a causa atópase en proceso de instrución e non sabe que condena solicitará a Fiscalía mais logo do acontecido con Xurxo Romero poderían ser varios anos de cárcere. 

Diego Lores está a ser xulgado por un presunto delito de "atentado" á autoridade

A declaración perante a xuíza que instrúe o caso e que tivo lugar na cuarta feira (18 de marzo), "foi dura", sinala. A estratexia de resistencia desenvolvida pola asemblea aberta durante as mobilizacións contra o Bernardo Alfageme "foi sempre pacífica", explica. Neste senso, Diego coida que a policía viguesa "tomou isto como un conflito persoal" e de ai as graves acusacións contra el e Romero; mais tamén as sancións económicas contra vehículos que se solidarizaron co movemento veciñal tocando o claxón. 

Contra o asistencialismo

Mais o verdadeiro conflito, entenden, non radica aí senón na realidade social, económica e política que atinxe a cidade. "Levámolo denunciando desde hai moito tempo", di. Servizos sociais "privatizados" que non atenden as problemáticas reais da veciñanza e que son denunciados polas propias traballadoras municipais. 

En paralelo, van xermolando proxectos populares que visan paliar as consecuencias desta realidade mais que para Diego teñen tamén "unha parte moi perversa" que é a xeralización de políticas "asistencialistas" baseadas na "caridade". Os bancos de alimentos, apunta, que cada vez se extenden máis "non resolven o problema real" dunha veciñanza que "non ten cubertas as necesidades básicas" por falta de emprego ou por salarios que quedan curtos a fin de mes. 

"É preciso reflexionarmos como comunidade" perante o "retroceso" padecido nos últimos anos en relación aos "dereitos sociais", sentencia. 

Comentarios