Oposición en Carnota á instalación dun tanque regasificador a 60 metros do colexio

Concello e BNG presentarán alegacións a un proxecto que, consideran os nacionalistas, se deseñou ‘’sen poñer un pé na zona’’

Carnota

Gas Natural presentou un proxecto para instalar un tanque re-gasificador en Carnota, nunha zona ubicada a 60 metros da escola pública da localidade, segundo vén de denunciar o BNG, que fala de que este plan da empresa tería un “aparente” apoio da Xunta. A formación nacionalista xa indicou que, ao igual que vai facer o Concello, vai presentar alegacións a este proxecto do cal, di, nin concello “nin grupos tiñan a menor constancia”.

“Chama a atención que o proxecto omite a presenza nas inmediacións dun colexio infantil, o que fai sospeitar que foi redactado desde o despacho e sen poñer nin un só pe a zona para comprobar o que había ou non nas inmediacións”, indican @s nacionalistas..

Asemblea veciñal

Esta quinta feira, 16 de abril ás 17:00 horas, terá lugar no Salón de Actos do Concello unha asemblea veciñal para informar os veciños de Santa Comba de Carnota o proxecto, a posición do goberno “e tamén escoitar as lóxicas demandas da veciñanza, e ofrecerlles a posibilidade de unirse ás alegacións que o Concello xa está preparando contra a ubicación dunha infraestructura destas características nun lugar tan absolutamente temerario coma pode ser o entorno dun colexio, o centro médico e boa parte dos servizos públicos con que conta o noso municipio”.

Comentarios