Betanzos acolle un encontro para trocar sementes á marxe das multinacionais

A Rede Galega de Sementes organiza o vindeiro día 21 a súa segunda xornada en Betanzos. O obxectivo: intercambiar sementes que se obteñen coma sempre, do propio agro. 

sementes
photo_camera sementes

Ademais do troco de sementes a xornada que se desenvolverá en Betanzos o vindeiro día 21 inclúe obradoiros e charlas-debate sobre a produción e a conservación de variedades locais. Durante todo o día, o obxectivo será dar a coñecer as posibilidades de circunvalar as grandes multinacionais de produción e optar por vías alternativas moito máis próximas ás do agro tradicional. 

“O obxectivo é que haxa unha alternativa ao acceso ás sementes máis alá das multinacionais. Queremos que se intercambien  e que exista unha plataforma cun banco vivo de sementes, que se podan pasar dunhas persoas a outras e que se contribúa ao estudo das variedades locais onde se desenvolvan os encontros”, explica José Togores, un dos promotores da Rede Galega de Sementes na que participan persoas que traballan o agro e defenden esta liña alternativa que se achega á produción tradicional agrícola. 

Coas variedades locais

“Para participar na xornada non estás obrigada a levar sementes, é unha maneira tamén de se achegar á produción local e afondar nas variedades que sempre se empregaron en cada zona”, explica dunha xornada que incluirán postos de produtores e produtoras e que, como na iniciativa en xeral, tentará fomentar a reprodución de maneira tradicional, extraendo as sementes para a posterior plantación, fuxindo dos produtos tranxénicos. 

“Queremos conservar as sementes autóctonas e intercambialas ao tempo que mostrar os pasos para obtención e conservación. Arredor desta xornada créase unha pequena feira de produción local con obradoiros para volver a un agro máis tradicional”, explica Débora, unha das encargadas da xornada de Betanzos. 

Comentarios