APóS A INFORMACIóN DE SERMOS GALIZA, O GOBERNO LOCAL ACTúA

O Concello da Coruña actúa contra Adif pola publicidade na estación de comboios

O Goberno municipal vén de iniciar o expediente sancionador contra Adif despois de que o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias colocara as lonas de publicidade sen autorización no edificio catalogado da estación de San Cristovo.

Estación de tren da Coruña
photo_camera Estación de tren da Coruña

A raíz da información publicada por Sermos Galiza, que deu conta o 16 de outubro da colocación de dúas lonas de grandes dimensións na fachada da torre da estación de camiños de ferro de San Cristovo, o Goberno municipal da Coruña iniciou na quinta feira, 12 de novembro, un proceso sancionador contra Adif. Fontes do Goberno -que tardou case un mes en fornecerlle a información a Sermos Galiza-, o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias pendurou a publicidade no edificio da estación “pola súa conta” e “sen permiso”.

Após a publicación da información en Sermos Galiza do 16 de outubro, o Goberno municipal enviou un inspector municipal ao edificio de San Cristovo o 26 de outubro e un día máis tarde, abriu un expediente de reposición de legalidade urbanística pola “realización de obras sen licenza ilegalizábeis” por parte de Adif. Nese momento, o Concello comunicoulle á Xefatura de Patrimonio e Urbanismo de Calidade de Adif o inicio do expediente.

A publicidade no exterior está suxeita a licenza municipal e ao pago de exaccións fiscais, algo que incumpriu Adif

A ordenanza municipal que regula a publicidade exterior recolle no seu artigo 16 que “os actos de instalación de carteleiras están suxeitos á previa licenza municipal e mais ao pagamento das correspondentes exaccións fiscais”, algo que incumpriu Adif. O artigo 30 da ordenanza considera como infracción grave “a instalación de carteleiras sen licenza municipal ou sen axustarse ás condicións da mesma”.

O Grupo Municipal do BNG presentara unha batería de preguntas sobre a colocación da publicidade no exterior do edificio de San Cristovo e instara o Goberno a “adoptar as correspondentes sancións recollidas na ordenanza” e á “retirada” da publicidade “á maior brevidade posíbel”. A formación nacionalista tamén levou o asunto ao Congreso. Polo de agora, estas lonas, que anuncian unha empresa automobilística, continúan na torre da estación.

O edificio que acubilla a estación de convoios da Coruña foi deseñado no 1927 polo enxeñeiro Antonio Gascué Echevarría. De estilo racionalista, o inmoble, cuxas obras de construción concluíron en 1935, conta cunha arquitectura única entre as estacións do Estado español e garda certo parecido coa Estación Central de Helsinki.

Adif mantense en silencio

Consultado por Sermos Galiza desde hai tres semanas, Adif garda silencio. Porén, nunha primeira resposta o 16 de outubro, o ente ferroviario afirmou que se rexía pola Lei de Transporte, admitindo implicitamente que non se sentía vinculado á ordenanza municipal.

Comentarios