O FIOT de Carballo chega ao XXI falando do XXI

O Festival Internacional de Teatro de Outono de Carballo, FIOT, aborda de xeito crítico a realidade social deste século e o seu 21º aniversario. Els Joglars, Animalario, a coñecida actriz Carmen Machi constitúen a cabeza de cartel.
Talia Teatro e o seu 'método Grönholm'
photo_camera Talia Teatro e o seu 'método Grönholm'

O teatro, por se alguén non o sabe, ten voz e fala da realidade social tamén. O FIOT deste ano, organizado como nas pasadas edicións pola Asociación Cultural 'Telón e aparte' en colaboración co concello, ten a intención de que vivamos experiencias novas mais cos pés na terra. A programación desta edición trae unha “reflexión sobre os cambios sociais, económicos, políticos e culturais aos que asistimos”. E hai moito material como demostran a trintena de producións organizadas arredor do programa de sala, o Ciclo Otni e a Rúa dos Contos.

A XXI edición do festival comezará o vindeiro 4 de outubro coa Rúa dos Contos e pecharase o 31 coa montaxe “El Nacional” da compañía catalá Els Joglars. Unha programación artística, segundo a organización, “equilibrada, ambiciosa e coherente” que quere contar “coas propostas máis actuais”. En Carballo estrearanse cinco obras que aínda non visitaron Galiza: “El Montaplatos”, de Animalario Teatro (Madrid) con Willy Toledo e Jesús Barranco (19 de outubro); “En alta mar”, de La Machina Teatro, (Cantabria) o 13 de outubro; “Acto Cultural”, do Grupo Actoral 80 (Venezuela), o 26 de outubro; “Fingir”, de Colectivo 96º (Catalunya), dentro do Ciclo OTNI o domingo 28; e o “O Método Grönholm” de Talía Teatro, a coprodución do propio FIOT.

A programación desta edición trae unha “reflexión sobre os cambios sociais, económicos, políticos e culturais aos que asistimos”

Els Joglars e Carmen Machi
As dúas obras de máis tirón previo son presenza en Carballo de Els Joglars e a nova obra da televisiva Carmen Machi. A compañía catalá celebra este ano o seu 50º aniversario e volve a Galiza coa obra “El nacional”, unha sátira demoledora sobre a cultura elitista, a crise nos teatros e o malgasto da clase política estreada en 1993, xusto durante outra crise. “Don Josep”, o protagonista, é o acomodador dun antigo Teatro Nacional sen actividade que quere devolverlle a vida representando “Rigoletto” en xunto a un grupo de indixentes. A obra, en xira polo noso país, poderase ver tamén en en Pontevedra e Vigo.

Carmen Machi, máis coñecida polos seus traballos en varias series de televisión, presentará en Carballo a obra “Juicio a una zorra”, de Kamikaze Producciones (Madrid). Este potente monólogo protagonizado por Helena de Troia, a única filla de Zeus cun mortal, a través da visión de Miguel de Arco, Premio Ceres no Festival de Teatro de Mérida.

Ciclo OTNI
O apartado de propostas alternativas nun formato diferentes teñen o seu espazo no ciclo OTNI. Nesta edición veremos a Cándido Pazó con “Historias para tempos ruíns” (14 de outubro), a compañía vasca La Cocina con “Calla y come” (25 de outubro) e o Colectivo 96º catalán e a súa “Fingir” (28 de outubro). As funcións celébranse nun espazo máis reducido, o Salón de Actos do Pazo da Cultura, que permite unha maior proximidade entre a proposta teatral e o público.

Fóra das salas
Dentro do FIOT, mais con autonomía propia, funciona a Rúa dos Contos, unha mostra de teatro no exterior que leva 14 anos levando os espectáculos a diferentes puntos da vila. Esta edición continúa con representacións “irreverentes” que poderán seguirse en cafetarías, tascas e pubs. Nesta 14 º edición a no programa figuran Redrum Producciones (4 de outubro); Bucanero, Celso Sanmartín e Tonhito de Poi (5 de outubro); Antón Coucheiro, Cesar Cambeiro “Montego” (6 de outubro); Evaristo Calvo e Piti Sanz, Os da Ría (11 de outubro); Mentalini, Triateros (12 de outubro); e Martín Camiña, Isi e Isa (13 de outubro).

Actividades paralelas
Unha das experiencias máis interesantes deste ano terá lugar o 14 de outubro coa performance “Queres ser un personaxe teatral”, na que colabora o crítico e xornalista Camilo Franco, deixará ao público converterse no persoeiro dunha obra.

O FIOT realizará retrospectiva de Alberto Gende, pintor e creativo que leva 19 anos colaborando co Festival, e preparou unha exposición dos seus deseños que estará aberta ao público entre o 4 de octubro e o 4 de novembro no Auditorio do Pazo da Cultura.

Máis en Artes Escénicas
Comentarios