A compañía pública introduce actores e actrices "en prácticas"

O CDG producirá para público infantil do ano próximo Touporroutou da lúa e o sol, de Vidal Bolaño (autor homenaxeado nas Letras do 2013) e As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, de Carlos Casares, de novo (puxéraa en escena no 2004 con dirección de José Caldas). O seu elenco estará integrado por alumnado da Escola Superior de Arte Dramática, pero sen contratos profesionais.
Cartel d'As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, cando o CDG a puxo no 2004.
photo_camera Cartel d'As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, cando o CDG a puxo no 2004.

O emprego desta sorte de “bolseir@s en prácticas” responde, segundo Manuel F. Vieites, a liñas de colaboración entre a AGADIC e a ESAD para incorporaren @s titulad@s ao mercado laboral, mais para as asociacións profesionais e de compañías (AAAG e Escena Galega), esta medida raia a ilegalidade (pode supor un fraude á seguridade social) e incumpre o convenio do 2009.

As “bolsas” en principio son para estudantes de interpretación, mais non se descarta que no futuro poidan entraren titulad@s en Dirección e Dramaturxia e en Escenografía, e só poderán enlazar dúas bolsas seguidas. Por outra banda, incentivarase o traballo en compañías privadas. A compañía da ESAD acaba de se estrear na Mostra Internacional de Ribadavia, cunha adaptación d'A tempestade de Shakespeare, para o que recibiron unha axuda de 13.000 euros da AGADIC.

Nesa liña sitúase Antonio Durán “Morris”, presidente da AAAG até este mes de xullo, no seu facebook, en que insta ao alumnado da ESAD a pelexar por liñas de colaboración entre a AGADIC e a ESAD do tipo da que permitiu a produción d'A tempestade, “ou entrade nos contratos do CDG; pero respectando os convenios existentes”. Ao seu ver, “cando non hai orzamento, todo se disfraza de novas posibilidades”, pero estas bolsas poden supor unha eiva para a profesionalización no futuro e a maior precarización do teatro. “Apoiémonos, que falta nos fai”, remata, desexando moita merda para a profesión.

Máis en Artes Escénicas
Comentarios