Ugia Pedreira crea o Coro da Mariña: “Eu son activista da música”

Era cuestión de tempo: desde que hai máis de un ano Ugia Pedreira anunciara que se retiraba dos escenarios e ía vivir a Rinlo, o mundo agardaba un novo proxecto e velaquí o está: o Coro da Mariña, que busca voces.

ugia2
photo_camera Ugia Pedreira

En maio de 2014 Ugia Pedreira abandonaba os escenarios e anunciaba unha paréntese nunha traxectoria musical que a levara a converterse nunha referencia fundamental na música galega, tamén como promotora cultural á fronte d'aCentral Folque e outros proxectos. 

- Agora volvemos saber de ti grazas á creación do Coro da Mariña, que creas xunto co músico bretón Pierrot Rougier. Como xurdiu a idea?
- Nós cando chegamos aquí os amigos íannos chuzando para que nos animaramos a facer algo. Así que estabamos dándolle voltas tendo en conta o tempo que pasamos con Lúa (a súa filla) e tamén coa idea de que ela se poidera integrar nos nosos movementos. E pensamos nun coro porque había un en Rinlo antigamente, aínda que nós queremos facer algo distinto, acorde a como somos nós.

- Un coro para toda a Mariña?
- Pensamos que a Mariña é unha área metropolitana, é unha comarca dispersa, pero todo está próximo realmente, e queremos integrar tamén o Occidente de Asturias, co que nos unen tantas cousas. 

- Quen pode apuntarse a este Coro?
- Pois está aberto a calquera persoa de 14 a 115 anos, teña ou non formación musical, pero que teña paixón por cantar. Queremos crear un espazo conxunto para o desfrute da saúde e do cantar.

- Este coro será ben diferente, seguro...
- O fío condutor do repertorio é o mar, o que non quere dicir que vaia ser tradicional, nin moito menos. Haberá de todo. Por unha banda está o talento de Pierre, que ten moita creatividade para facer voces e arranxos, e pola outra eu levo dinámicas, expresión corporal e escénica e técnicas do canto e vocal. 

- Como está a ser a resposta do público?
- Hai moita xente interesada, pero hai un filtro bestial, moita xente aquí non está afeita a pagar pola arte, ou pola aprendizaxe da arte. Hai moitas cousas subvencionadas en relación coa música, e igual que teñen claro que hai que pagar por ir ao psicólogo ou ir tomar unhas copas, non entenden que o haxa que facer con isto. 

- A onde vos gustaría chegar con este Coro?
Se o coro é útil para a vida persoal da xente, benvido, e se mellora a vida da comunidade, aínda máis. Logo, se facemos máis ou menos concertos, iso vai depender de moitas cousas. E eu son activista da música. Interésame máis iso que os aplausos dun concerto. Se hai unha cohesión social co coro e un desenvolvemento que propicie coñecer mellor o noso patrimonio e demais, xa sería feliz. 

- Algún outro proxecto en marcha ou na cabeza?
Puxemos en marcha tamén xunto coa miña socia Marina Oural a Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento, tamén traballando coa arte e saúde, para aunar a diversidade artística e a diversidade funcional. 

Máis en Ao vivo
Comentarios