Vertixe Sonora Ensemble comeza xira por Portugal, México e Estados Unidos

Catorce obras estreadas nos seus 5 anos de traxectoria forman a selección para este tour que conta co apoio do INAEM.

VSonoraporPabloPrados
photo_camera Vertixe Sonora [Foto: Pablo Prados]

Cinco anos de andaina e sesenta e seis obras estreadas, a maior parte delas asinadas por compositores novos de todo o mundo cun destacado papel na creación musical contemporánea. O traballo de Vertixe Sonora Ensemble, colectivo creado en Galiza, chega agora a novos espazos de enorme significado para os seus integrantes. O Festival Síntese, con diferentes sedes en Portugal, o Festival de Música Nueva de Monterrey (México) e a prestixiosa escola de música de Fullerton en California acollerán os concertos do ensemble galego.

En VERTIXE, programa en xira 2015, volven a ollada atrás para presentar 14 obras de referencia do repertorio creado para o ensemble desde a súa fundación. Cinco anos pasaron; difícil elección, entre as sesenta e seis estreas realizadas. Compositores clave do seu itinerario, que por diversas razóns, quizáis puramente sentimentais, convocan nesta xira.

Vertixe Sonora Ensemble visitará tres países, Portugal, México, EE.UU., con fondos vínculos coa súa traxectoria e unha forte tradición de música culta. E algunhas das institucións educativas con máis mística nesta escena internacional. O plan de traballo inclúe paneis de lectura onde dar a coñecer as técnicas de interpretación máis avanzadas e os últimos espasmos da música de vangarda europea. 

Na selección de compositores que realizou Vertixe Sonora Ensemble para este tour atopamos artistas de diferentes partes do mundo que debuxan o momento experimental e creativo dos sons contemporáneos. Obras de Mateu Alondra (España, 1977), Santiago Díaz Fischer (Argentina, 1977), Jacobo Gaspar (España, 1975), Yann Robin (Francia, 1974), Ramón Souto (España, 1976, director artístico de Vertixe Sonora), Angel Faraldo (España, 1980), Januibe Tejera (Brasil, 1979), Germán Alonso (España, 1984), Carola Bauckholt Alemania, 1959), Joao Pedro Oliveira (Portugal, 1959), Victor Ibarra (México, 1978) e Pamela Madsen (EEUU) forman o repertorio da xira Vertixe.

Desde a súa aparición en 2010, Vertixe Sonora Ensemble e a súa permanente estrea de obras novas permite que Galiza participe da creación sonora internacional cun protagonismo activo e desafiante. Un referente para a última xeración internacional de compositores, que atopa nas súas  producións a oportunidade de desenvolver propostas musicais cunha perspectiva global en permanente estado de convulsión, na procura da excelencia artística. Integrada por destacados solistas de música contemporánea de Galiza e de Portugal, Vertixe Sonora Ensemble conxuga artistas sonoros, artistas plásticos, músicos de jazz, intérpretes clásicos e xente do teatro e da danza. O seu traballo foi recollido no documental 'Correspondencias sonoras' (2013), do cineasta Manuel del Río.
 

Comentarios