Imprimir

A Xunta foxe de enarborar a memoria histórica en Meirás

A. Mera | 19 de novembro de 2020

Fotógrafos aos pés do Pazo de Meirás (Foto: M. Dylan / Europa Press)
Fotógrafos aos pés do Pazo de Meirás (Foto: M. Dylan / Europa Press)
A Xunta quere dedicar o Pazo de Meirás á creación e á difusión de Emilia Pardo Bazán e foxe de facelo símbolo da memoria galega e a loita contra a ditadura.

Un "faro para a igualdade", para a creación e a difusión da figura da escritora Emilia Pardo Bazán, eses son os eixos do plan de usos para o futuro do Pazo de Meirás que está a deseñar a Xunta da Galiza, en caso de que o Estado español decida ceder a xestión destas instalacións á Administración galega. 

A pesar de que aínda non hai resposta á petición formal trasladada nesta liña pola Xunta ao Estado, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, avanzou esta quinta feira, 19 de novembro, algunhas das liñas do plan en que traballa o Goberno galego para a futura xestión do inmóbel. 

O pazo "defínese como unha fantasía persoal de dona Emilia, que foi pioneira do feminismo en España, e foi un lugar para a creación cultural e literaria", dixo Román Rodríguez, subliñando que a Xunta cre que o edificio "se debe converter nun faro da igualdade", polo que aposta por convertelo nun referente "para reivindicar o papel" e "a forza creativa da muller". Todo iso, con todo, "sen obviar en ningún momento" a historia do pazo e "que aí viviu un ditador", apostilou o conselleiro.

Con todo, a Xunta é como un chuvasqueiro impermeábel a termos como memoria democrática ou histórica.

De feito, esta semana, na comisión de Cultura do Parlamento galego, o PP sacou adiante unha proposta para que a Xunta reclame para si ao Estado a xestión do pazo "co obxectivo de desenvolver usos culturais que expliquen a historia do inmóbel, reivindiquen o entendemento e a concordia e afonden no papel das escritoras na historia da literatura, particularmente de Pardo Bazán”. 

O PP está obstinado en substituír os termos "memoria histórica" ou "democrática" coa palabra "concordia", e non só na Galiza, pois o líder popular no Estado, Pablo Casado, anunciou esta semana a presentación dunha Lei da Concordia para contrapor ao proxecto de lei de Memoria Democrática que quere sacar avante o Goberno do Estado. 

Precisamente, na comisión de Cultura, decorrida na terza feira, BNG e PSdeG pedían que entre os usos do pazo estiver a reivindicación da memoria democrática galega e que a xestión do inmóbel non for unicamente da Xunta, senón que esta se estude e se pluralice entre as diversas entidades que traballaron para lograr a devolución do pazo ao pobo, como a Deputación da Coruña, ou o Concello de Sada, contando ademais cos movementos sociais de recuperación da memoria.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/xunta-foxe-enarborar-memoria-historica-meiras/20201119171332109398.html


© 2020 Nós Diario