Sesión de control ao presidente

Villares alcuma de “Narcochofer” a Feijóo nun tenso debate

O portavoz de En Marea cargou con dureza contra un mandatario galego que volveu usar a baza de recriminarlle a Villares que como político defenda posturas que baten co seu pasado como maxistrado.

Luís Villares, na sesión de control a Feijóo. Parlamento galego 22 de febreiro de 2017.
photo_camera Luís Villares, na sesión de control a Feijóo.

A tensión subiu varios graos na sesión de control ao presidente coincidente co aniversario (ou cabodano, segundo se mire) do primeiro ano de goberno da segunda lexislatura de Feijóo. O portavoz de En Marea, Luis Villares, canso de que Núñez Feijóo empregase a súa quenda de réplica para misturar pasado (como maxistrado) e presente (político) do de Lugo nunha suposta contradición, disparou. “Eu deixei a toga para vir aquí”, dixo, para de inmediato preguntarlle ao presidente “que facía vostede antes de meterse en política”. Porque, asegurou Villares, o único que se lle coñecía a Feijóo era que paseaba en iates con narcos, en referencia á súa foto con Marcial Dorado. Foi entón cando soltou a palabra: “Narcochofer”, xerando a indignación na bancada popular.

Feijóo acusou o golpe. Acusou Villares de estar disposto a “calumniar”, a “mentir” para acadar os seus intereses. Reprochou ao de En Marea que a súa intervención nesta sesión marcaba un antes e un despois para o cualificar de “ex maxistrado e “ex político”.

O rifi-rafe dialéctico comezou cando Villares preguntara a Feijóo polos recortes de liberdades políticas e dereitos civís que se aplican desde o Estado polo referendum catalán. Feijóo argumentou que a consulta era ilegal e que ía contra a Constitución. “Non xurou vostede como maxistrado e non aplicou a Constitución?”, preguntoulle ao de En Marea, instándoo a non se poñer a carón do “desafío independentista”. O portavoz de En Marea acusou o PP de ter “dúas varas de medir”, unha para os “amigos” e outra “para o resto”. Así, lembrou que a Xunta denunciou todos os implicados na operación Campeón agás aqueles “afiliados ao PP”. "Que teña bo día, campión" foi a fórmula usada por Villares dirixíndose a Feijóo para fechar a súa quenda. Once acusados nesta Operación pactaron coa Fiscalía a rebaixa de penas: Dorribo acepta 6 anos de cárcere e unha multa de 6 millóns de euros. O ex-deputado do PP Pablo Cobián acepta 8 meses. O director e ex-director do Igape foron suspendidos a un ano de emprego.

O pleno reservou tamén protagonismo para o presidente da Cámara, Miguel Santalices. O político ourensán pediulle a VIllares que retirase a palabra Narcochofer, neoloxismo co que designara Feijóo. O portavoz de En Marea negouse e, en aplicación das súas atribucións, Santalices ordenou que no diario de sesións non se recollese o vocablo, nun claro falseamento da transcrición do debate.

Balanzo

O portavoz do PSdeG, Fernández Leiceaga, realizou un balanzo moi crítico deste ano de mandato de Feijóo a respecto de decisións do goberno central. O financiamento autonómico, os orzamentos xerais do estado ou o veto á transferencia da AP9 foron debullados polo socialista como mostra de que a Xunta permanece “muda, calada” perante Madrid.

Na súa quenda de resposta, Núñez Feijóoo volveu xogar a baza de acusar anteriores gobernos socialistas e non recolleu a luva de Leiceaga a respecto de defender o traspaso da AP9 após o novo veto. “O seu goberno pode presentar un conflito de competencias”, instoulle Leiceaga.

Recurso

A AP9 centrou tamén a pregunta realizada por Ana Pontón (BNG), que acusou Feijóo de ser “incapaz de erguer a voz na defensa dos intereses galegos”. A nacionalista indicou que se hai debate sobre a transferencia da autoestrada é grazas a que “o BNG o puxo sobre a mesa” e criticou que mentres o estado transfire infraestruturas a outras comunidades, veta debater sequer sobre o traspaso da AP9 a Galiza.

Ana Pontón realizou dúas propostas ao presidente galego para defender os intere4ses de Galiza neste tema. Que a totalidade das e dos deputados galegos asinen un recurso perante o Tribunal Constitucional e que se aprobe unha declaración institucional reprobando Ana Pastor, presidenta do Congreso, e Mariano Rajoy, polo veto á AP9. Feijóo puxo en cuestión a legalidade da primeira e gardou silencio sobre a segunda.

Comentarios