Urdangarín tentará anular o caso Nóos perante o TC

O avogado do duque vén de presentar un escrito ao xuíz instrutor do caso, José Castro, en que asegura que o seu mandante viu vulnerado o seu dereito á lexítima defensa durante o proceso. O letrado apelará ao Tribunal Constitucional na procura de impugnar e anular o proceso penal arredor do que foi imputado o xenro do Borbón.

Fican menos de 12 horas para que remate o prazo estabelecido polo xuíz instrutor do caso Nóos, José Castro, para que o xenro do rei, Iñaki Urdangarin presente a fianza de 8 millóns de euros exixida en concepto de posíbel responsabilidade civil derivada do proceso penal. Porén, a defensa do aínda duque de Palma vén de enviar un escrito ao maxistrado asegurando que Urdangarín presentará un recurso perante o Tribunal Constitucional após denunciar que que o proceso xudicial causou no ex-deportista "unha irreversíbel indefensión" após incorporárense ao caso "novos documentos, testemuñas e artellárense outras acusacións" --como o tráfico de influencias-- segundo informan diversos medios de comunicación.

Desta maneira, o avogado de Urdangarín denuncia perante o maxistrado a "vulneración" do "dereito de defensa" e asegura que presentará un recurso perante o TC e a Audiencia á fin de que lle sexan recoñecidos e restituídos os seus dereitos. Porén, a estratexia da defensa vai para alén da mera invocación e procura que o proceso penal ao que está sendo sometido o duque de Palma sexa impugnado e anulado.

Aliás, o letrado da defensa rexeita no escrito o auto ditado por José Castro mediante o que se estabelece unha fianza de 8 millóns de euros, argüíndo que o seu depósito suporía un "inxusto empobrecemento" do xenro do monarca. Neste senso, en diversas ocasións, o avogado de Urdangarín apela ao parentesco que ligou e aínda liga ao duque con "SM el-Rei".

Ao longo dos últimos días, a defensa asegurou que sería difícil realizar o pagamento da fianza que se lle impuxo. Así as cousas, de nun se producir o seu depósito, a instrución podería ditar o embargo dalgúns dos bens propiedade do imputado. Neste senso, o escrito presentado polo seu avogado --así como o recurso que poderían interpor no TC-- podería responder a unha estratexia premeditada que outorgue máis tempo á defensa.

Comentarios