Imprimir

Tímpanos medievais da Galiza: Santiago de Cereixo, a representación da 'Translatio', obra única

Xan Fernández Carrera e Manuel Vilar Álvarez | 22 de febreiro de 2021

Tímpano da porta sur de Santiago de Cereixo. (Foto: Xan Fernández Carrera)
Tímpano da porta sur de Santiago de Cereixo. (Foto: Xan Fernández Carrera)
Ao fondo da ría de Camariñas, na marxe esquerda do río do Porto, onde desemboca o rego de Carnés, sitúase a igrexa parroquial de Santiago de Cereixo. Nela sorpréndenos unha das portadas máis singulares do románico galego, no seu tímpano móstrase a única representación en pedra que hai na Galiza do traslado do corpo do Apóstolo Santiago. Pero a acolledora aldea de Cereixo conserva varios atractivos patrimoniais máis, como as Torres, un muíño de mareas, un carballo centenario e unha contorna harmónica e ben coidada. Cereixo non é a única igrexa románica da ría de Camariñas. Vindo de Moraime pola costa podemos visitar San Pedro de Leis e logo, na outra banda da ría, Santa María de Xaviña.

A Pobra de Cereixo e o seu porto eran coñecidos durante a Idade Media. O rei Afonso VIII (o sempre chamado IX), que seica botaba longas tempadas na Galiza, visitaría en dúas ocasións este lugar. López Ferreiro dinos que o fixo, procedente da Coruña, o 24 de febreiro do ano 1200. Salvador Parga Pondal na súa tese de doutoramento (1950) recolle que os días 24 e 25 de xuño de 1228, este mesmo rei asina seis documentos, posibelmente na antiga fortaleza, onde na actualidade se localizan as Torres de Cereixo, que pertenceron aos condes de Maceda, benfeitores do santuario de Nosa Señora da Barca.

A tradición fálanos de que este porto foi atacado pola pirataría normanda e inglesa. Del Hoyo recolle que “esta villa [Muxía] fundaron los vezinos de Santiago de Sereza porque habiéndolos destruido los hereges ingleses fueron a Moraime y pidieron licencia para edificar en aquel puerto y el prior de Moraime se la dió”. 

A tradición lendaria sobre este histórico lugar e a súa igrexa continuou até os tempos actuais, pois non hai moitos anos que unha muller desta parroquia nos contou este relato sobre o patrón desta freguesía. “Esto estaba antes todo cheo de mouros e Santiago botou os mouros fóra. Vén de morto para axudarlle a San Martín, que aquí chamámoslle San Martiño [...] e houbo tantos mouros mortos que desde entonces aínda se chama o Rego dos Mortos”.

A igrexa 

A igrexa de Santiago de Cereixo, situada na ladeira sueste do outeiro sobre o que se asentan as Torres, é un templo románico que, a pesar das reformas sufridas ao longo dos anos, goza dun bo estado de conservación.

Consta dunha nave rectangular con teitume de madeira e unha ábsida coa mesma forma que se cobre con bóveda de canón dividida por un arco faixón que se apoia sobre columnas arrimadas, rematadas en capiteis con ornamentación vexetal.

O arco triunfal de medio punto e dobrado repousa enriba de semicolumnas con capiteis decorados con motivos vexetais. As semellanzas entre este arco e o das igrexas de Leis e Xaviña son claras. Na parte interior do muro occidental da nave hai un longo perpiaño encaixado, con restos de inscrición, que podería corresponderse co lintel da porta dunha capela que houbo no muro norte.

A igrexa de Santiago de Cereixo, a pesar das reformas sufridas ao longo dos anos, goza dun bo estado de conservación

No exterior do templo, na ábsida, carente de fiestra no testeiro, destacan os canzorros dos muros laterais de motivos zoomórficos e antropomórficos, nos que se ven acróbatas e outras figuras humanas, unha delas aniñada e en actitude grotesca. No vértice do pinchón, sobre a figura dun año deitado, elévase unha fermosa cruz antefixa calada.

No muro norte da nave sitúase a sancristía, de construción posterior, e no muro sur ábrese a fermosa porta románica. Os canzorros destes muros mostran tamén motivos variados: vexetais ou figuras de animais e humanas. A fachada meridional, modificada, conserva aínda a portada románica con columnas, capiteis e arquivoltas deste estilo. Tanto a fiestra rectangular como a espadana, engadíronselle no momento da reconstrución.

A porta sur e a representación da 'Translatio' e 'Invention' 

Esta igrexa de Cereixo, de non ser pola súa porta sur, perdería o seu carácter senlleiro, e converteríase nun templo máis do románico rural galego, non obstante, a representación do traslado do corpo do Apóstolo Santiago esculpido no seu tímpano, transfórmaa nunha obra singular de notábel valor.  

Presenta esta entrada un arco de medio punto apoiado en columnas de fuste monolítico e capiteis con decoración vexetal. Os cimacios, nos que se apoian as dúas arquivoltas, tamén con decoración vexetal, prolónganse no muro. A arquivolta interior voltea sobre un arco modelado en bocel seguido de dúas medias canas, a interior decórase con pequenas rosas. Na clave represéntase unha figura cun báculo e mitra, en actitude de bendicir. Para Ferrín González, representaría o bispo Teodomiro, mais para Domingo Pérez-Ugena sería o apóstolo Santiago. A segunda arquivolta está decorada con círculos entrelazados, motivo que encontramos na base dunha das columnas de Moraime. Na clave mostra a figura dun anxo coas ás despregadas e un incensario na man esquerda en posición horizontal. O conxunto féchao un tornachuvias, enfeitado por un axadrezado.

O tímpano susténtase directamente nas xambas da porta e no seu interior represéntase unha barca, das chamadas de tingladillo, que navega sobre un mar ondulado. Na barca aparece un corpo deitado e amortallado ao que rodean sete persoeiros, destacando o central polo seu maior tamaño, que porta un báculo, rompendo así a isocefalia. As dúas figuras situadas a ambos os lados da central estenden os seus brazos cara a imaxe xacente, semellando un xesto de protección. Aos catro persoeiros que ocupan os extremos, tan só se lles ve as cabezas. Estes sete personaxes son identificados como os discípulos de Santiago que recolleron o corpo do Apóstolo, unha vez decapitado en Xerusalén, e transportárono na barca até Iria, navegando baixo protección divina. O personaxe de maior tamaño é identificado como Santiago por Domingo Pérez-Ugena, mais, como afirma Ferrín, non ten moito sentido esta dobre presenza.

Estamos ante unha das dúas representacións do traslado do corpo do apóstolo Santiago que hai na Galiza, a outra aparece no reverso dunha moeda descuberta na necrópole de Adro Vello (O Grove), datada no reinado de Fernando II (1157-1188). Nela vese sobre unha barca, a cabeza xacente de Santiago e dúas figuras que corresponden a dous dos seus discípulos. Trataríase da representación máis antiga da translatio. Consérvase no Museo das Peregrinacións de Santiago. Fóra do noso país existen outras dúas representacións desta lenda, en senllos capiteis. Unha no claustro da Colexial de Tudela (Navarra) e outra no transepto norte da catedral de Lleida. Este relato da translatio fíxase no século XII e tivo certa difusión, pero máis tarde, o auxe das peregrinacións e as contendas e tempos de conquista, levaron a que outras iconografías sobre o Apóstolo acadaran máis éxito, como o Santiago peregrino ou o Matamouros.

Estamos ante unha das dúas representacións do traslado do corpo do apóstolo Santiago que hai na Galiza

Para Ferrín as figuras que ocupan as claves das arquivoltas nada teñen que ver co relato da translatio e si co da invention do sepulcro de Santiago. A figura do bispo da clave da primeira arquivolta podería identificarse con Teodomiro. Estariamos entón diante dos dous relatos fundamentais nos que se asenta a tradición xacobea: a translación do corpo do Apóstolo e o descubrimento da súa tumba, que converten esta porta nunha das máis excepcionais do románico galego.

Manifesta este mesmo investigador que a composición deste tímpano de Cereixo seméllase á da porta sur de Moraime, na que se representa o motivo da Última Cea. A distribución dos apóstolos neste último coincide coa dos personaxes de Cereixo. O de maior tamaño do central deste corresponderíase coa figura de Cristo, daquel. Tamén hai coincidencia na división de ambos os tímpanos en dous rexistros. No de Cereixo separados pola embarcación e no de Moraime pola mesa. Polo tanto, as dúas obras estarían relacionadas e serían produto dun mesmo mestre canteiro, ou de dous vinculados entre si. 

Para Ferrín, en Cereixo traballaron dous mestres ou talleres: un sería o realizador da ábsida, arco triunfal e capiteis, cunha clara influencia compostelá; mentres un segundo sería o autor das portadas e estaría estreitamente relacionado co mestre da porta sur de Moraime. Polo tanto, teriamos que datar a porta de Cereixo a comezos do século XIII.

Un obradoiro e varios templos

Os canteiros que traballaron en Moraime, coñecedores do que se facía en Compostela, levarían a súa arte, ben eles ou alguén vinculado ao seu círculo, ademais de Cereixo,  a outras igrexas da contorna da ría de Camariñas como San Martiño de Ozón, San Pedro de Leis, Santa María de Xaviña ou Santa Mariña de Cabo Tosto, e incluso tamén a outras como Santa Locaia de Frixe.

Os canteiros que traballaron en Moraime levarían a súa arte, ademais de Cereixo, a outras igrexas da contorna da ría de Camariñas

Segundo o anterior autor, existen unha serie de elementos comúns sobre todo entre as igrexas de Leis, Xaviña e Cereixo, como os alzados exteriores, onde ademais se repiten temas da decoración dalgúns canzorros; así como motivos ornamentais utilizados arredor das portas como rosetas ou semicírculos. No seu interior destaca a similitude da estrutura do arco triunfal, de arco dobrado con dúas columnas a cada lado, característica que tamén se dá en Frixe; así como os capiteis das súas capelas maiores, que teñen un claro influxo compostelán, particularidade que se estende a Ozón e Santa Mariña. Outro trazo común aos tres edificios indicados anteriormente sería o aspecto exterior das súas ábsidas, nas que o muro do testeiro se eleva por enriba da caída do tellado. Entre Leis e Xaviña chama tamén a atención a coincidencia do arco lobulado que aparece nas fiestras da cabeceira. No caso de Leis, repítese tamén na fachada. Por isto X. Ramón Ferrín avoga pola intervención dun mesmo obradoiro nos tres templos que dan á ría, nos que  poderiamos falar tamén dunha unidade de estilo.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/timpanos-medievais-da-galiza-santiago-cereixo-representacion-da-translatio-obra-unica/20210222190816116337.html


© 2021 Nós Diario