Imprimir

O Supremo anula a condena de prisión de Otegi tras o revés de Estrasburgo

Redacción | 31 de xullo de 2020

Arnaldo Otegi na saída da prisión
Arnaldo Otegi na saída da prisión
O actual coordinador xeral de EH  Bildu chegou a pasar seis anos e medio na prisión de Logroño.

Agora hai case dous anos, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos sentenciou que Arnaldo Otegi fora condenado por terrorismo nun xuízo que non foi xusto. Isto pasou en novembro do 2018. Non foi até esta sexta feira, 31 de xullo, que o Tribunal Supremo anulou a sentenza do caso  Bateragune, seguindo o que ordenou Estrasburgo.

O actual coordinador xeral de EH  Bildu chegou a pasar seis anos e medio na prisión de Logroño. Non tivo ningún tipo de permiso. Agora a anulación fai decaer tamén a inhabilitación do líder da esquerda abertzale para exercer cargos públicos, que estaba vixente até o 2021.

A sala admitiu os recursos de revisión de sentenza interpostos por Arnaldo Otegi, Rafael Díez  Usabiaga,  Arkaitz Rodríguez Torres, Sonia Jacinto Garcia e Miren Zabaleta  Tellería.

Así, anulou a sentenza do 2012 que os condenou a penas de entre seis anos e seis anos e medio de prisión polo delito de pertenza a organización terrorista, no caso  Bateragune.

Foran condenados por supostamente tentar reconstruír Batasuna para formar unha alianza independentista seguindo as ordes de ETA.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/internacional/supremo-anula-condena-prision-otegi-reves-estrasburgo/20200731162442102469.html


© 2020 Nós Diario