Otegi, na rúa, 2.330 días despois

O lider independentista deixa as prisións españolas 6 anos e 4 meses após o seu encarceramento. Volve pisar unha Euskal Herria que durante o seu cautiverio experimentou grandes transformacións.

Arnaldo-Otegi-antiguo-miembro-Batasuna_105500974_1727372_1706x960

Arnaldo Otegi sae esta terza feira de prisión após pasar 2.330 días en celas de cadeas españolas. Seis anos e catro meses, periodo no que os cambios políticos, sociais e económicos transformaron a fondo a realidade existente naquel outono de 2009 en que o de Elgoibar entrou en prisión imputado polo caso Bateragune. Daquela aínda seguía operativa ETA, o lehendakari era o socialista Patxi López, a crise non batera con toda a forza que o fixo despois, e en Catalunya non existía 'procés' nin se lle agardaba. Por iso a pregunta que paira en certos sectores é se o secretario xeral de Sortu (legalizada cando levaba 4 meses presos) estará á altura do reto.

Na esquerda abertzale non o dubidan. Sinalan que, na liña da tradición dos militantes de esquerdas que durante décadas pasaron polas prisións en todo o mundo, aproveitou a estancia para se formar e para aproveitar ao máximo ao tempo. Foron anos nos que recibiu numerosos apoios internacionais (de Angela Davis a Pepe Mujica, pasando por Kofi Annan, Desmond Tutu, Pérez Esquival ou Gerry Adams).

Sae con 57 anos de idade e consciente de que a independencia de Euskal Herria pasa pola “unilateralidade”

Sae con 57 anos de idade e consciente de que a independencia de Euskal Herria pasa pola “unilateralidade”, por construír a alternativa dentro do pobo basco máis que en confiar en procesos de negociación co Estado español. Mais tamén, sinalan os que o coñecen, sabe que hai novos actores políticos que, caso de Podemos, entraron en parte do electorado da esquerda abertzale.

Non é a primeira vez que Otegi sae de prisión. A súa militancia vén de vello. Con apenas 20 anos, en 1979, fuxiu a Francia após enterarse que a Garda Civil o procuraba por, entre outras cousas, axudar a un preso de ETA a fuxir do Hospital. Coñeceu os anos duros en Euskal Herria. E foi quen de se comprometer para abrir un novo escenario. Algo que o levou a prisión. Cadea da que sae esta terza feira, consciente de que hai que "sorrir, porque imos vencer". A frase tomada pola nova política española como lema mais, iso si, sen citar a quen a popularizou, que seguía preso en Logroño. Din os que o coñecen que non lle molestou o plaxio. A independencia, engaden, será a súa resposta. Xa o cantaban os Negu Goriak nos 90, 'geurea da garaipena': "A vitoria é nosa".

Comentarios