Revolta e martirio en Éntoma

O 21 de outubro de 1902, membros da Garda Civil e do exército abriron lume contra un grupo de veciños que tentaban impedir a execución duns embargos en Éntoma, concello do Barco de Valdeorras, deixando unha persoa morta, varias feridas e ducias de detidos.
O Barco de Valdeorras nunha imaxe do século XX
photo_camera O Barco de Valdeorras nunha imaxe do século XX

O 21 de outubro de 1902, membros da Garda Civil e do exército abriron lume contra un grupo de veciñas e veciños que tentaban impedir a execución duns embargos en Éntoma, concello do Barco de Valdeorras, deixando unha persoa morta, varias feridas e ducias de detidas. O suceso enmárcase na vaga de protestas que percorreron Valdeorras como consecuencia dos efectos da filoxera. Recuperamos, logo, a memoria da loita e do martirio de Éntoma.

A filoxera agravou, aínda máis, a situación económica daquelas comarcas galegas que se dedicaban a actividade vitivinícola en réxime de monocultivo, provocando un importante aumento da conflitividade social. A filoxera é un insecto de orixe norteamericano que provocaba a morte da vide europea ao atacar as raíces, situándose a súa chegada a Galiza na penúltima década so século XIX, penetrando, primeiramente, pola área de Monterrei, seguindo á zona da Ribeira Sacra, O Ribeiro e Valdeorras e chegando máis tarde ás comarcas das Rías Baixas e d´As Mariñas.

Os efectos da filoxera

As súas consecuencias foron dramáticas no deterioro das condicións materiais de existencia das labregas e labregos, aumentando a mortalidade, por efectos da desnutrición, nas comarcas afectadas, privándoas da súa única vía de ingresos, provocando a expulsión das terras que traballaban e favorecendo o despoboamento masivo destas zonas. Segundo sinalou Xosé Antonio Durán, en relación con este período, “afogada a súa economía, o labrego do país atopaba excesiva calquera carga -os impostos, os arbitrios, os consumos, os foros-, e estoupou con múltiples e variados conflitos”.

A protesta fiscal como expresión do malestar social

As lesivas políticas económicas do Estado, nunha situación de absoluta miseria para a maioría da poboación de Valdeorras, comarca con grande tradición de loita e con certa introdución republicano federal e socialista, abonou o terreo para unha decidida resposta social, que se alongou durante practicamente unha década. As testemuñas, achegadas por diversos medios de prensa de diferente obediencia política, non dubidan en caracterizar como catastrófica a situación da zona, afirmando o 31 de xaneiro de 1902, o Heraldo de Madrid,“é desoladora e aflitiva a situación da maioría daqueles labregos”. “A miseria e a pobreza mandan naqueles pobos de Valdeorras, onde fai moitos anos se perderon os viñedos que producían máis de 200.000 cántaros de viño, até o extremo de transformar a un gran número de contribuíntes útiles para a patria en mendigos que imploran caridade pública”. A protesta fiscal foi a forma que volveu a adoptar o malestar social na comarca, repetíndose boa parte das xeografías e repertorios de loita do sexenio, neste momento arredor doutras reivindicacións concretas.

A protesta fiscal foi a forma de expresión do malestar social na comarca máis alá de reivindicacións concretas

O exército ao servizo dos caciques

A decisión do goberno de enviar o exército á comarca de Valdeorras en setembro de 1901, coa encomenda de colaborar coas autoridades a facer efectiva a recadación fiscal, situou o conflito social nunha nova fase. Unha compañía militar procedente de Lugo, de aproximadamente cincuenta soldados ao mando dun tenente coronel, instalouse nas proximidades da casa do concello do Barco e non tardou en facerse presente a carón do dos recadadores nas diversas localidades da zona.

Os argumentos que empregaría no congreso dos deputados, en marzo de 1902 o ministro de defensa Waleriano Weyler, para defender a presenza militar nestas funcións en Valdeorras, unha vez que o número de persoas asasinadas e a dureza dos métodos empregados provocara as protestas dalgúns deputados, referíanse á negativa dos veciños da zona a pagar os seus impostos, afirmando que na maioría dos concellos levaban máis de sete anos sen facelos efectivos.

Os datos ofrecidos polo carniceiro de Cuba, sendo certos no referido a perseveranza na loita das xentes de Valdeorras, mereceron a condena de boa parte da opinión pública, sinalándose nesta campaña El liberal, que chegou a dedicar á cuestión varios editoriais, algúns con títulos tan expresivos como “Recadación a tiros” ou o “O exército ao servizo dos caciques”.

Asasinados, feridos e detidos

O 21 de outubro de 1902, un axente de consumos, acompañado dunha parella da Garda Civil e de varios soldados, achegouse a Éntoma co obxectivo de facer efectivos varios embargos contra ducias de persoas que levaban anos sen pagar os impostos. A veciñanza, convocada polas campás da igrexa, sitúase diante dalgunha das vivendas que pretendían embargar, momento no que a Garda Civil procedeu a detención dun dos dirixentes de relevo na protesta, coa intención de conducilo á cadea d´O Barco, acendendo aínda máis os ánimos das manifestantes, que comezaron a apedrar aos gardas para que puxeran en liberdade ao veciño preso.

Segundo sinalaba o telegrama do xuíz do Barco, reproducido no número de 23 de outubro de La correspondencia de España, “…a Garda Civil, ante actitude tan hostil e desprezo, viuse obrigada á forza a facer fogo, resultando un paisano morto e outro mal ferido”. A nova, reproducida noutros medios de prensa da Galiza e do resto da península, acompañábase das medidas represivas adoptadas polo xulgado d´O Barco, entre as que se atopaban a detención de catorce persoas veciñas do lugar.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios